XUNTA DE GOBERNO

Unha modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica permitirá ampliar as posibilidades de uso comercial

18/04/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, que permitirá a ampliación das posibilidades de uso comercial dos seus edificios. Ademais, deu o visto bo ás memorias de actividades do VIII Certame de Danza Intercentros e do XVIII Certame de Teatro Intercentros.

A voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou que a modificación puntual do Plan especial afecta aos puntos 4 dos artigos 150, 151, 152 e 155. En virtude desta modificación, ponderase estender o uso comercial previo das plantas baixas ao resto de alturas do edificio. Os detalles deste cambio normativo serán explicados pola edil en breve nunha rolda de prensa específica.

Educación
O Goberno local aprobou tamén as memorias de actividades dos certames intercentros de danza e teatro para este ano 2013. Polo que se refire a Compostela en Danza, ao que o Concello destina un orzamento de 6.809 euros, trátase de impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza nos colexios. Participan 190 bailaríns dos colexios Cluny, Pío XII, López Ferreiro, Xelmírez I e Rosalía de Castro.

O Certame de Teatro Intercentros, que chega xa á súa XVIII edición, dá continuidade ás actividades que se veñen realizando con grande éxito de participación e resultados nos centros escolares. Durante este mes de abril estanse representando todas as obras nos salóns dos IES Rosalía de Castro e Xelmírez I e da Escola de Maxisterio. O orzamento municipal para este programa é de 4.340 euros.

Como resultado das votacións do alumnado e dun xurado profesional, resultarán elixidos dous grupos, un de primaria e outro de secundaria, que representarán as súas obras no Teatro Principal os días 20 e 27 de maio. As obras gañadoras sairán das representadas polos diferentes grupos dos seguintes centros: IES Rosalía de Castro, IES Antonio Fraguas, IES Eduardo Pondal, IES Lamas de Abade, IES Xelmírez I, CEIP Vedra, CEIP Vite, CEIP Lamas de Abade e Colexio San Jorge.

Tráfico
En materia de tráfico, aprobouse unha solicitude á Dirección Xeral de Tráfico da cesión de instalacións da súa propiedade que no foran utilizadas para mellorar a seguridade no tráfico no ano 2010. Tamén se demanda a cesión de material, tales como bandeirolas, matriz de leds e cámaras de tv.

Benestar Social
Finalmente, deuse o visto bo á aprobación inicial do proxecto de Ordenanza reguladora do servizo municipal de axuda no fogar. Este servizo público de carácter local ofrece un conxunto de atencións ás persoas para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu entorno habitual. Dito servizo experimentou na última década diversos cambios normativos que esixían a adaptación da ordenanza local.

Documentos relacionados



Compartir: