CONSORCIO

A Casa do Cabido acolle unha mostra sobre a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e a Exposición de 1858

17/04/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, acompañado do vicepresidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, Francisco Loimil, inaugurou a exposición A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela e a Exposición de 1858, no edificio da Casa do Cabido. Con esta mostra continúa o programa cultural neste emblemático edificio barroco destinado a uso público e xestionado polo Consorcio de Santiago.

Esta nova exposición quere lembrar a importancia da Sociedade Económica de Santiago na dinamización e modernización da cidade e da comarca, en especial no século XIX, con iniciativas que fomentaron a e reactivaron sectores primordiais como a agricultura, a gandería, a industria, a pesca, a administración e a cultura.

En concreto, a Sociedade promoveu a organización en Santiago dunha Exposición Agrícola, Industrial e Artística, en 1858 (cúmprense agora 155 anos), como método para a modernización destes sectores. A Exposición coincidiu ademais co feito da visita a Galicia da raíña Isabel II, acontecemento que tamén se aborda nunha sección da mostra da Casa do Cabildo na que se poden ver reproducións das fotografías máis antigas que se conservan sobre a cidade de Santiago.

A exposición está ideada cun marcado carácter didáctico, de maneira que poida ser obxecto de visitas pedagóxicas por parte dos centros escolares e que os nenos poidan comprender en que consistiron estas primeiras exposicións rexionais que se organizaban a imitación das grandes exposicións universais, que aínda hoxe existen.

Así, a Casa do Cabido invita a percorrer unha época da historia de Compostela, a do século XIX, na que os sectores produtivos comezaban a modernizarse e sentaban as bases das posteriores, aínda que lentas, melloras na calidade de vida dos veciños. A exposición inclúe paneis informativos, fotografías históricas da época e unha selección de produtos, réplicas daqueles que se podían ver na Exposición de 1858. Tamén se explica a xénese e a evolución da Sociedade Económica e faise una breve parada na visita da raíña Isabel II.

A Real Sociedade Económica de Amigos da Cidade de Santiago
A orixe das reais sociedades económicas radica na Sociedade Económica Vascongada, que nace en 1764, por iniciativa privada do conde de Peñaflorida e dun grupo de quince nobres "amigos" que se reúnen para traballar polo "país". De aí o nome de Sociedade de Amigos do País. A semellanza desta xorde a Sociedade Matritense, cuxos estatutos, aprobados en 1775, servirán de modelo ao resto das sociedades por disposición do Consello de Castela. O apoio do monarca Carlos III a estas institucións, fará que a nobreza se mobilice e que en pouco tempo xurda un elevado número de sociedades económicas de amigos do país, que irán acompañados do título de "real".

O 13 de decembro de 1783 -hai 230 anos- tramítase unha petición formal ao Consello de Castela para poder establecer na cidade de Santiago de Compostela unha Sociedade Patriótica de Amigos do País. Dous meses despois tivo lugar a sesión inaugural da devandita Sociedade, nomeando a Antonio Páramo y Somoza primeiro director da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.

Compartir: