BENESTAR SOCIAL

Continúan os obradoiros de cociña económica do Urbana Santiago Norte

17/04/2013 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-Servizos Sociais está a realizar unha serie de obradoiros no Centro Comunitario Xoán XXIII. Esta iniciativa, encadrada no programa Actíva-T, consiste na posta en marcha de varias sesións formativas con temáticas diferentes. Así, unha das propostas é á elaboración de pratos de cociña económicos. A concelleira de Benestar Social, María Castelao, visitou os 12 participantes neste obradoiro.

As sesións de cociña consisten na elaboración de diferentes menús para catro persoas por un importe máximo de catro euros. Os participantes nesta actuación cociñan cada semana un menú diferente, cun primeiro e segundo prato e unha sobremesa.

Os alumnos e alumnas intentan facer o mellor aproveitamento dos alimentos en prol da economía das familias. Así, para realizar os menús dáse prioridade ao aproveitamento dos condimentos dispoñibles na casa e mércase cun máximo de 4 euros o resto de produtos.

Esta iniciativa está pensada dende o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e o Centro Comunitario Xoán XXIII para apoiar os procesos de axuda que se realiza coas familias en situación de risco ou exclusión social.

Tanto este como os seguintes obradoiros de cociña económica levaranse a cabo todos os mércores do mes de abril e maio, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas, aproveitando a finalización de cada unha das xornadas para que os participantes poidan dar conta, unha vez rematado o obradoiro, dos pratos elaborados por eles mesmos. Este tipo de actividade facilita ás persoas participantes, ademais dos contidos específicos do obradoiro de cociña, a adquisición de hábitos sociais e saudables (puntualidade, responsabilidade, convivencia, etc).

Xunto a estes obradoiros de cociña estanse a realizar outros de manualidades e de informática. Ademais, o 8 maio, aproveitando as xornadas de cociña e a celebración ao día seguinte do Día de Europa, realizarase unha clase especial, cunha representación de platos e alimentos representativos dos distintos países europeos. A clausura conxunta de todos os cursos farase o 1 de xuño.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: