CULTURA

O pianista cubano Roberto Fonseca chega ao Principal da man do Ciclo 1906 Jazz

12/04/2013 O pianista Roberto Fonseca declara abertamente que en YO (Jazz Village, 2012) atoparémonos con "todas estas ideas que gardaba nun recuncho da miña cabeza, sen ter a oportunidade de levalas a cabo". Esas ideas plasmaraas nun concerto, dentro do Ciclo 1906 de Jazz, o xoves 18 de abril, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, a 12 (anticipada) e 15 euros (billeteira), están a venda na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443.

Ben sexa por atopar o don da oportunidade ou por alcanzar a madurez necesaria para esa materialización, o certo é que neste último traballo do cubano asistimos ao máximo esplendor da súa creatividade e á cristalización dunha longa experiencia acumulada como intérprete, compositor, arreglista e produtor. Esfinxes da música cubana como Ibrahim Ferrer, Rubén González, Omara Portuondo, Cachaíto, Bebo ou Chucho Valdés reclamaron os seus servizos nalgunha desas facetas.

Lonxe de estancarse nunha visión tradicionalista da música de raíz e nos meles saboreados en grandes escenarios como o Royal Albert Hall ou o Sydney Opera House, Fonseca colaborou con músicos de moi variados estilos seguindo o ronsel dunha inquietude innata. O DJ Gilles Peterson ou o artista electrónico Mala son un bo exemplo dese eclecticismo do que Fonseca se preza. O ingrediente africano cobra un especial protagonismo en YO, que, como afirmación contundente e irresistible dunha personalidade irrepetible, acolle tamén fórmulas do pop e o rock, dinámicas pegadizas e momentos de delicioso repouso.

Compartir: