DEPORTES

I Compostela BTT, marcha cicloturista de 50 quilómetros polos arredores de Santiago

12/04/2013 O Campus Sur acollerá a saída e chegada da I Compostela BTT, organizada polo Club BTT Ultreia e o Concello de Santiago. Esta marcha cicloturista celebrarase o domingo 12 de maio a partir das 9:30 horas.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, enmarcou esta marcha nun mes de maio dedicado plenamente ao ciclismo, xa que o 5 de maio se celebrará en Santiago o Campionato Galego Absoluto de Duatlón e, o 11 de maio, outra nova edición da Volta Ciclista da Ascensión. Indicou tamén que está aberta a inscrición para esta I BTT Compostela, que discorrerá polos arredores de Santiago, fundamentalmente polas faldras do monte Pedroso. O límite de participantes fíxase nos 300.

Esta I Compostela BTT non ten carácter competitivo, aínda que se fará cronometraxe. O percorrido será de 50 quilómetros. Segundo explicou o tesoureiro do Club BTT Ultreia, Antonio Toribio, terá unha dificultade técnica media e unha dureza media-alta, sobre todo polo deterioro dos camiños a consecuencia do clima dos últimos meses. O circuíto está deseñado para completarse nunhas catro horas. Aqueles participantes que non pasen o curte no horario previsto pola organización nos puntos situados nos quilómetros 25 e 40 serán desviados por un percorrido alternativo que enlazará coa ruta máis adiante.

Poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Os menores deberán presentar obrigatoriamente unha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor legal. Os federados deberán pagar 12 euros e os non federados 15 euros.

Xantar e agasallos
Os participantes poderán participar, logo da proba, nun xantar previsto ás 14:30 horas, co que esta marcha cicloturista se converterá tamén nunha xornada de convivencia para os practicantes desta disciplina deportiva.

Durante este xantar entregaranse agasallos e trofeos conmemorativos a todas as mulleres, ao participante de maior idade, ao competidor máis novo, ao club con maior número de participantes e ao club de máis lonxe (mínimo con 3 participantes), sempre que rematen a proba, en todo os casos.

Xunto a Adrián Varela, estiveron na rolda de prensa o presidente do Club BTT Ultreia, Jaime Cabrera; o seu tesoureiro, Antonio Toribio, e Cristóbal López, tamén integrante do equipo.

Direccións relacionadas



Compartir: