PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá propón nove opcións de viaxe para as parroquias do rural nunha nova edición de "Imos coa asociación"

12/04/2013 O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou unha nova edición do programa Imos coa asociación, que pon a disposición das parroquias do rural unha oferta específica de excursións organizadas. Os percorridos teñen un dobre obxectivo: dar a coñecer a riqueza patrimonial de Galicia e Portugal e atender a demanda veciñal deste tipo de viaxes.

As asociacións de veciños do ámbito rural gozarán dunha variada e escollida oferta de destinos que, por experiencia, son os máis requiridos. Así, o concelleiro citou as Illas Cíes, Baiona, Valença, Pontevedra, a Ribeira Sacra, San Andrés de Teixido ou as Rías Baixas. Destacou igualmente que o prezo que este ano teñen que aboar as asociacións "é significativamente máis económico, para os mesmos destinos, que en anteriores ofertas". O Concello asume unha porcentaxe do 40% sobre o gasto total das excursións que repercuten en conceptos como pago de guía-acompañante, seguro, autobús, peaxes e estacionamentos. Este ano, tamén como novidade e excepcionalmente, algunha asociación de barrios periféricos poderá optar a estas excursións se o orzamento o permite.

Francisco Noya anunciou que, en vindeiros días, as asociacións veciñais recibirán toda a información do programa, así como o asesoramento por parte de persoal municipal, para poder cumprimentar- se están interesadas- as solicitudes, de modo que se lles facilite tamén a pronta divulgación entre os seus socios para animalos a participar da campaña deste ano. En 2012 realizáronse 10 excursións, nas que participaron 493 veciños de distintas parroquias.

Procedemento
As excursións, poderán realizarse entre maio e novembro de 2013. O prezo final que o participante paga nas excursións correspóndese co 60% do importe. As asociacións deberán facer un pagamento conxunto pola totalidade das persoas que participan na excursión, a través do ingreso na conta bancaria que indique a organización. Os prezos por excursión van dende os 270 aos 330 euros. No prezo non se inclúen entradas a museos, viaxes en catamarán, comidas ou calquera actividade con custo adicional, que correrá a cargo dos participantes.

Establécese un mínimo de participación por parte de cada asociación de 35 persoas e un máximo de 55 para cada excursión. Abrirase o prazo do 15 ao 30 de abril de 2013, para que as entidades veciñais interesadas entreguen a folla de inscrición debidamente cuberta no Rexistro Auxiliar do Concello situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Rematado o prazo de solicitude, conformarase o calendario de excursións. Unha vez asignadas as viaxes, as asociacións deberán entregar os listados cos participantes antes do mércores da semana na que se realice a excursión. As excursións son promovidas polo Concello de Santiago e organizadas pola axencia de viaxes Autocares Mosquera.

Parabéns
O concelleiro Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para felicitar a Dan Cruz, profesor de xadrez nos centros socioculturais, por ter chegado, xunto cos seus compañeiros Julio González e Ángel Paredes, á final do concurso Increíbles, de Antena 3.

Máis información na Casa das Asociacións de Cornes (rúa de Manuel Beiras, 3)
Horario de atención: martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Compartir: