CULTURA

Mighty Calacas, a nova banda do compostelán Marcos Coll, no ciclo Blues Nite

10/04/2013 Os Mighty Calacas presentarán o seu primeiro disco, Hot Pelucho Sounds o 7 de maio, ás 20:30 horas, na Sala Capitol, como aperitivo das festas da Ascensión e dentro do ciclo Blues Nite. Abrirán o concerto The Lákazans, unha banda principalmente de versións que conseguen levar a un terreo moi persoal.

Hot Pelucho Sounds é un disco gravado dacabalo de México e Berlín no que se mesturan 13 cortes con sons latinos, cumbia e sons tradicionais mexicanos, cunha sólida base de blues, funk, surf e groove. Durante marzo presentaron o disco en diferentes cidades de México e en abril farano en Europa. Esta mesma xira de presentación traeraos a Santiago de Compostela, a cidade de Marcos Coll, un dos músicos composteláns con máis proxección internacional.

100% toloache mexicano formado por Marcos Coll, Emiliano Juárez, Fernando Ruvel e Zoar Miranda. A música de Mighty Calacas reflicte a "festa e vacilón " das mentes dos seus integrantes. Unha nova formación de vellos coñecidos que teñen unha ampla bagaxe musical e que atravesa todo o Atlántico alimentándose dunha combinación de diferentes estilos.

Catro músicos espectaculares que converxen nunha mestura de ritmos eclécticos: cumbias e pinceladas latinas en grao sumo bailable; ondas de surf ou funk nalgúns dos seus temas, groove…, sen esquecer a súa sólida base de blues na que o santiagués Marcos Coll é o seu máximo expoñente e unha referencia a nivel mundial.

As súas experiencias individuais converxen nun proxecto que abarca diferentes xéneros e na que nos mostran o mellor da música e cultura tradicional mexicana chea de picarescas situacións e sons cotiáns.

Os Mighty Calacas aderezan a súa música coa salsa das enchiladas verdes e gran humor. Con moito enxeño sobre o escenario, transmiten cunha linguaxe tamén moi visual e teatral toda a autenticidade dos xéneros musicais que representan.

The Lákazans, que abrirá o concerto, son unha banda formada no trascurso do ano 2012. As súas influencias van desde o blues máis clásico de artistas como Howlin Wolf, Muddy Waters, Hound Dog Taylor ata o soul de Aretha Franklin, Etta James ou Sam Cooke, pasando polo country de Johnny Cash. Sen esquecer aos grandes clásicos do rock e o rock and roll como Bob Dylan, Rolling Stones, Elvis Presley ou Neil Young, do que toman prestado o psicodélico "Down by the river". Outras das súas potentes influencias son dous novos talentos do rockabilly e o rock & roll actual, considerados xa clásicos modernos, Imelda May e o tres irmáns que forman Kitty, Daisy & Lewis. A maior parte do seu repertorio está conformado por versións destes artistas que aos poucos se van combinando con temas de colleita propia. Cabe dicir que pese ser unha banda principalmente de versións, conseguen levalas a un terreo moi persoal, en parte tamén por ter que adaptar temas a un repertorio totalmente acústico.

Entradas
10 € anticipada / 12 € billeteira. Á venda na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no teatro, a venda anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono da billeteira: 981 542 349. Tamén á venda en A Reixa Tenda e salacapitol.com.

Compartir: