VÍAS E OBRAS

O Concello realizará melloras nas rúas Pintor Lino Villafínez e Pintor Modesto Brocos

10/04/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e de Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, recibiu unha representación da Comunidade de Propietarios da Urbanización Ibergalicia, situada nas rúas Pintor Lino Villafínez e Pintor Modesto Brocos. As 150 familias destes tres bloques de vivendas, situados entre a avenida de Xoán XXIII e o Parque de Xixón, explicáronlle ao concelleiro as necesidades máis prioritarias de actuacións en rúas, mobiliario ou parques desta parte da cidade.

Os veciños desta urbanización, na que ademais ten a súa sede a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), demandaron a urxente reparación do muro da escaleira de acceso dende a avenida de Xoán XXIII á rúa Modesto Brocos, deteriorada polas raíces das árbores e a piques de derrubarse na vía pública. O concelleiro comprometeuse a realizar esta reparación, ao igual que a reposición de varandas en aceiro inoxidable, outra das reivindicacións.

Juan de la Fuente tamén lles comunicou que se mellorará a iluminación da zona e que se estudará a solicitude dun local de reunión para as persoas de idade máis avanzada que utilizan o Parque de Xixón. Ademais, demandaron aparellos de exercicio físico que convertan este espazo nun parque biosaudable.

Finalmente, colocarase un punto de reciclaxe de aceite doméstico e colectores de papel e de vidro accesibles na parte oeste da urbanización.

Compartir: