NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O proxecto "Espello Deportivo" impulsará o uso do galego no deporte dende a Rede de Dinamización Lingüística

08/04/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asistiu á presentación de Espello Deportivo, un proxecto que promoverá a lingua galega no ámbito do deporte dende a Rede de Dinaminzación Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, da que tamén forma parte o Concello de Santiago. O acto estivo presidio polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

Espello Deportivo constitúe un exemplo de colaboración interinstitucional, financiado pola Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e da Coruña, que desenvolve unha liña de traballo pertencente á programación de actividades deseñada pola Área Técnica da RDL no ano 2012. Con el, promoverase o uso da lingua no deporte, en colaboración coas entidades pertencentes á RDL, por medio de encontros de recoñecidos deportistas en escolas deportivas e noutros espazos municipais.

As sesións, que serán un total de 36 nas catro provincias galegas, comezan o mércores 10 de abril na Casa da Cultura de Outes cun encontro co tirador olímpico Juan Antonio Saavedra, medalla de prata (en carabina libre a 50 metros tendido) nas pasadas olimpíadas de Londres 2012. Espello Deportivo chegará tamén a Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, Bande, O Barco de Valdeorras, Barbadás, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cambados, O Carballiño, Carral, Cee, Celanova, Corcubión, Ferrol, Mesía, Muxía, Ortigueira, Outes, Ourense, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribadavia, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Trives, Vilagarcía de Arousa, Verín, Viveiro e Xinzo de Limia.

Nestes encontros, que serán de balde e abertos a todas aquelas persoas interesadas en asistir, participarán, tamén, a regatista olímpica Sofía Toro (campioa olímpica de Londres 2012 en Match Race) e o nadador paraolímpico Chano Rodríguez (dobre prata -en 50 e 200 metros estilo libre- e mais bronce -en 100 metros libres- en Londres 2012).

Preto de 150 entidades impulsando conxuntamente o idioma
Con esta nova acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a darlle cumprimento ás liñas de traballo da RDL e a fornecer de actividades as preto de 150 entidades e institucións que, a día de hoxe, conforman o primeiro proxecto de cooperación, colaboración e coordinación posto en marcha pola Administración autonómica para impulsar conxuntamente iniciativas que redunden na normalización do uso do galego e na súa visibilidade e proxección social.

No acto de presentación de Espello Deportivo participaron, ademais Jesús Vázquez, José Ramón Lete e Rebeca Domínguez, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Zaira Rodríguez, deputada de Normalización Lingüistica da provincia da Coruña; Rubén Riós, responsable da empresa xestora do proxecto, Claqueta Coqueta; Sofía Toro, regatista olímpica; Juan Antonio Saavedra, tirador paraolímpico, e Chano Rodríguez, nadador paraolímpico.

Compartir: