CULTURA

Sidonie, unha das bandas de referencia do rock nacional, de volta en Santiago

08/04/2013 Unha das bandas de referencia do rock nacional está de volta, e faino coa publicación dun dos seus discos máis persoais dos últimos anos, El fluído García, que levan presentando por toda España dende finais de 2012. Chegan a Santiago de novo da man do ciclo Íntimo & Acústico.

Sidonie tocará o venres 12, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas están á venda cun prezo de 14 euros anticipada e 17 euros na billeteira do Teatro Principal, que está aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Á venda tamén as entradas en entradas.novagaliciabanco.es, A Reixa Tenda e a Kunsthalle.

Antes de comezar a gravación deste disco, Sidonie xa era consciente de que o seu próximo disco ía ser cantado en castelán, que tiña que soar máis testosterónico e contundente que nunca, que tiña que gravarse en rigoroso directo, para exaltar a conexión que existe entre o trío cando tocan xuntos, e que reivindicaría a psicodelia inglesa do período 1966-68, a estética de Carnaby Street do Swinging London, as melodías e harmonías vocais construídas sobre escenarios de arte vangardista e o feito de que eles sempre fixeron o que sentiron.

Despois dunha extensa xira por salas e festivais Sidonie lanzan o máis difícil aínda coa presentación dun formato acústico dunha xira por teatros, concertos que os achegarán máis se cabe ao seu público e ofrecerannos unha nova cara desta banda que ten aínda moito que ofrecer.

Compartir: