URBANISMO

O horario de apertura de verán das terrazas amplíase aos meses de abril, maio e xuño

08/04/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que o horario de apertura de verán das terrazas dos establecementos hostaleiros se amplía aos meses de abril, maio e xuño. Deste xeito, durante estes meses, ademais de xullo e setembro, os locais poderán manter abertas ao público as terrazas ata as 2:30 horas os venres e sábados, e ata as 2:00 horas o resto dos días.

Esta medida responde, segundo indicou María Pardo, a unha petición dos propios hostaleiros e á sensibilidade que o Concello quere mostrar con este sector neste momento de crise, agravado no que á hostalería se refire polo mal clima dos últimos meses. En calquera caso, a autorización da ampliación da apertura poderá ser revocada por decreto a aqueles locais que infrinxan a ordenanza de ruídos.

Outra petición dos hostaleiros composteláns foi a de ampliación do prazo para cambiar o mobiliario das terrazas, que inicialmente remataba o 30 de xuño, ata o 1 de outubro. A propósito desta cuestión, o presidente da sección de Restauración de Hostalería Compostela, Jesús Sordo, presente na rolda de prensa, recoñeceu que algúns hostaleiros podían ter dificultades para realizar o cambio no prazo inicial, se ben indicou que a maioría si realizará a modificación antes do 30 de xuño.

Tamén sobre o mobiliario das terrazas, Sordo salientou o acordo ao que chegaron 22 hostaleiros da Raíña para instalar as terrazas cun "mobiliario acorde a unha cidade Patrimonio da Humanidade". Este mobiliario común para todo os negocios colocarase alternativamente cada día nun dos lados da rúa.

Seguindo co tema do mobiliario, a concelleira anunciou a autorización dun novo módulo, dunha mesa e dúas cadeiras, en vez do dunha mesa e catro cadeiras, para locais situados en rúas especialmente estreitas. Ademais, mencionou as recomendacións realizadas aos hostaleiros de rúas e prazas con menos de seis metros para que non coloquen tarimas e utilicen sistemas pregables que permitan actuar sen dificultade en casos de emerxencia.

Finalmente, María Pardo comunicou a decisión de autorizar que o mobiliario das terrazas permaneza colocado fóra do horario das mesmas ata o peche do establecemento. En todo caso, as terrazas deben ter nese período un cartel visible que indique que a terraza está fóra de servizo. Tendo en conta que os horarios de peche dos establecementos e das terrazas son diferentes, esta medida -explicou a edil- pretende favorecer a aqueles hostaleiros que non dispoñen de espazo de almacenamento máis aló do propio interior do local.

Sobre a situación actual da solicitude de licenzas para terrazas, a concelleira indicou que xa hai 80 autorizadas, 19 denegadas, 8 caducadas, 35 pendentes de que se complete a documentación e 2 pendentes dun informe de Bombeiros.

Compartir: