EDUCACIÓN

A forza expresiva de "Mamá", da arxentina Mariana Ruiz, trunfa no VI Premio "Compostela" de Álbums Ilustrados

08/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Educación, María Castelao; e o director-xerente da editorial Kalandranka, Xosé Ballesteros, presentaron o fallo do xurado do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. A ilustradora arxentina Mariana Ruiz Johnson gañou esta edición co seu álbum Mamá, obra que será publicada en sete idiomas alá polo mes de outubro.

Ángel Currás destacou a calidade da obra gañadora e amosouse convencido de que atopará tantos recoñecementos internacionais como os que está tendo o álbum gañador da anterior edición, Bandada. Ademais, referiuse á consolidación deste Premio e ao "cambio que este xénero está rexistrando nos últimos anos, con máis forza e ideas que nunca e non só dirixido a un público infantil, senón a todas as idades. Neste sentido, referiuse ás palabras dun membro do xurado, o ilustrador Emilio Urberuaga, cando este indicaba que "o álbum bo é aquel que serve para un neno e para un adulto".

Non obstante, valorou este xénero como "un recurso clave para enganchar ao neno á lectura". Apuntou que é un bo instrumento para "aprender a ler e observar, abrindo novas portas á creación de ficción".

Nesta sexta edición presentáronse 374 traballos, procedentes de países como España, Hungría, Grecia, Italia, Portugal, Alemaña, Holanda, Polonia, Inglaterra, Francia, Irán, Líbano, Arxentina, Ecuador, Chile, Uruguai, Venezuela, Brasil, Colombia, México ou Estados Unidos. De entre todos eles, o xurado elixiu como gañador a Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, de Bos Aires (Arxentina), presentada baixo o pseudónimo "Pepa Bellón".

O xurado destacou a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia. Destacouse tamén a pequena e lograda homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura. Incidindo nesta valoración, o director-xerente de Kalandraka afirmou que é "unha obra feita dende a emoción e cunha enorme forza expresiva. É un poema no que moitas nais se verán reflectidas". Anunciou que en torno ao mes de outubro estará publicada en sete idiomas: galego, castelán, éuscaro, catalán, portugués, italiano e inglés.

A gañadora
Mariana Ruiz naceu en Bos Aires no ano 1984. Actualmente está rematando a Licenciatura en Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional del Arte. A partir do ano 2005 comezou a formar parte, como ilustradora, da Escola de Arte Sótano Blanco co mestre José Sanabria. Tamén estudou con outros grandes ilustradores como Saúl Óscar Rojas e Claudia Legnazzi. Asistiu a workshops en Italia con Svetlan Junakovic e Gianni de Conno.

Está a cargo do obradoiro Procesos creativos na Escola de Arte Sótano Blanco e tamén de seminarios de técnicas na mesma escola. No ano 2009, o seu proxecto de libro-álbum Irupé y Yaguareté quedou finalista no Premio A la orilla del viento, do Fondo de Cultura Económica. Na actualidade traballa de maneira independente como ilustradora. Publicou libros da súa autoría tanto en América como en Europa.

Mencións especiais
O xurado quixo facer dúas mencións especiais: Panda, de Marcos Guardiola Martín, de Madrid, e Un día cualquiera, de Cristina Martín Recaséns, de Tarragona.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora organizan anualmente e que, neste 2013, acadará a súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Documentos relacionados



Compartir: