NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Remata en Bertamiráns a final da fase comarcal do Club de Debate

06/04/2013 A final da fase comarcal do Club de Debate pechouse na Casa da Cultura de Bertamiráns coa entrega dos galardóns. Tras moitas horas de debate, repartidas entre a xornada do venres e do sábado, o primeiro premio recaeu no CPI Plurilingüe dos Dices de Rois, mentres que o segundo galardón foi para o IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Ademais, un dos grupos do IES de Ames quedou na terceira posición. Deste xeito, o grupo de Rois representará á comarca na final do Club de Debate, que terá lugar no Concello de Santiago o sábado 4 de maio.

En total, na final participaron 114 estudantes e 11 profesores/as, pertencentes aos institutos e colexios de Santiago, Ames, Rois, Padrón e Teo e que falaron sobre se as redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. O primeiro premio estaba dotado con 500 euros en material cultural, mentres que a contía do segundo galardón era de 300 euros.

Os premios foron entregados polo alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez; a concelleira de Cultura de Ames, María Eugenia Martín, e o tenente de alcalde do Concello de Rois, Manuel Dos Santos.

O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os
servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago, Teo e Vigo. Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado promovida dende os servizos de Normalización Lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Nesta fase do Club de Debate participaron 13 equipos de institutos dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Rois, Padrón e Teo. En concreto, asistiron 5 equipos dos centros composteláns IES Rosalía de Castro, IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; 4 equipos do IES de Ames; 1 equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; 2 equipos do IES Camilo José Cela e do IES Macías O Namorado de Padrón, e 1 equipo do IES de Cacheiras (Teo).

Funcionamento do debate
Nos debates enfrontáronse dous equipos integrados por entre 6 e 10 persoas, representando un centro escolar. Nos debates, os equipos participantes defenderon posturas opostas: un equipo defendeu a postura a favor e o outro, a postura en contra. A postura que debeu adoptar cada equipo decidiuse por sorteo. Todos os equipos participaron en dous debates de xeito que puideron defender a postura en favor e en contra.

Composición do xurado
O xurado estivo integrado por Iván Arias Balsa e Ánxela López Leiceaga (ambos os dous xurista); Olga Patiño Abeixón (lingüista e profesora); María Carme Pereiro Felípez (técnica de normalización); e Iván Pereira Cutrín (xornalista).

Compartir: