NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Comeza a final comarcal do Club de Debate, na que participan estudantes de institutos de Santiago, Ames, Rois, Padrón e Teo

05/04/2013 A Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) acolle este venres 5 e o sábado 6 a final da fase comarcal do Club de Debate. Nesta final participan 114 estudantes e 11 profesores/as, pertencentes aos institutos de Santiago, Ames, Rois, Padrón e Teo.

O evento abriuse cunha presentación á que asistiron a concelleira de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez; o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura deste mesmo municipio, María Eugenia Martín; e o tenente de alcalde do Concello de Rois, Manuel Dos Santos.

Na súa intervención, o rexedor amiense deu a benvida aos participantes e aos membros do xurado e subliñou que para Ames "é unha honra acoller esta final do Club de Debate, un proxecto moi enriquecedor para todo o alumnado dos centros de ensino participantes, que permite achegar aos rapaces o uso do galego en distintos ámbitos". Santiago Amor desexou sorte a todos os participantes e animounos a sacar proveito desta iniciativa "que axuda a traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria, ademais de incitar ao pensamento crítico e á tolerancia".

Ao longo destas dúas xornadas, os rapaces e rapazas falarán sobre se as redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. O equipo gañador representará a esta comarca na final do Club de Debate, que terá lugar no Concello de Santiago o sábado 4 de maio.

O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Santiago, Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Teo e Vigo. Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Nesta fase do Club de debate participarán un total de 13 equipos de institutos dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Rois, Padrón e Teo. En concreto, asisten 5 equipos dos centros composteláns IES Rosalía de Castro, IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; 4 equipos do IES de Ames; 1 equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; 2 equipos do IES Camilo José Cela e do IES Macías O Namorado de Padrón, e 1 equipo do IES de Cacheiras (Teo).

Funcionamento do debate
Nos debates enfróntanse dous equipos integrados por entre 6 e 10 persoas, representando un centro escolar. Ademais é indispensable a presenza dun preparador ou dunha preparadora, que non pode participar no debate. Nos debates, os equipos participantes defenden posturas opostas: un equipo defende a postura a favor e o outro, a postura en contra. A postura que debe adoptar cada equipo decidiuse por sorteo. Todos os equipos participarán en dous debates de xeito que poidan defender a postura en favor e en contra. Son debates abertos ao público para que quen queira poida achegarse á Casa da Cultura e velos en directo.
Composición do xurado

O xurado está integrado por Iván Arias Balsa e Ánxela López Leiceaga (ambos os dous xurista); Olga Patiño Abeixón (lingüista e profesora); María Carme Pereiro Felípez (técnica de normalización); e Iván Pereira Cutrín (xornalista). Tal como especifica o regulamento do Club de Debate, para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación, a lóxica, etc.

O xurado decidirá en cada debate cal foi o equipo que defendeu con máis solvencia a súa tese, e iso será posto por escrito na acta de debate. Para isto, cada xuíz ou xuíza debe avaliar todos os criterios e recoller a puntuación individualizada e conxunta no formulario que se puxo ao seu dispor, achegándoo á acta do debate.

Entrega de premios
O equipo gañador deste primeiro enfrontamento participará na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. A entrega de premios terá lugar o sábado 6 de abril, ás 13:45 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Concederase un premio ao equipo gañador e outro ao finalista das fases comarcais. Os premios consistirán en material cultural en galego por valor de 500 euros (primeiro clasificado) e 300 euros (segundo clasificado). O premio para o equipo gañador da fase final galega consistirá nunha viaxe de fin de semana, para un máximo de 25 persoas, con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto.

Compartir: