EDUCACIÓN

"Mamá", da arxentina Mariana Ruiz Johnson, gaña o VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

05/04/2013 O xurado acordou conceder por unanimidade o VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á obra Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, de Bos Aires (Arxentina). O galardón, convocado pola Concellería de Educación e a Editorial Kalandraka, conta cunha dotación de 9.000 euros e comporta a publicación do libro en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués.

Nesta sexta edición presentáronse 374 traballos, procedentes de países como España, Hungría, Grecia, Italia, Portugal, Alemaña, Holanda, Polonia, Inglaterra, Francia, Irán, Líbano, Arxentina, Ecuador, Chile, Uruguai, Venezuela, Brasil, Colombia, México ou Estados Unidos. De entre todos eles, o xurado elixiu como gañador a Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, de Bos Aires (Arxentina), presentada baixo o pseudónimo "Pepa Bellón". O xurado destacou a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia. Destacouse tamén a pequena e lograda homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura.

Mariana Ruiz naceu en Bos Aires no ano 1984. Actualmente está rematando a Licenciatura en Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional del Arte. A partir do ano 2005 comezou a formar parte, como ilustradora, da escola de arte Sótano Blanco co mestre José Sanabria. Tamén estudou con outros grandes ilustradores como Saúl Óscar Rojas e Claudia Legnazzi. Asistiu a workshops en Italia con Svetlan Junakovic e Gianni de Conno.

Está a cargo do obradoiro Procesos creativos na escola de arte Sótano Blanco e tamén de seminarios de técnicas na mesma escola. No ano 2009, o seu proxecto de libro-álbum Irupé y Yaguareté quedou finalista no Premio A la orilla del viento, do Fondo de Cultura Económica. Na actualidade traballa de maneira independente como ilustradora. Publicou libros da súa autoría tanto en América como en Europa.

Mencións especiais
O xurado quixo facer dúas mencións especiais: Panda, de Marcos Guardiola Martín, de Madrid, e Un día cualquiera, de Cristina Martín Recaséns, de Tarragona.

A decisión final do xurado produciuse tras varias horas de análise e deliberacións no CERSIA, en San Lázaro. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Educación, María Castelao, saudaron o xurado que, presidido por delegación do alcalde pola propia edil, estaba integrado nesta ocasión polo ilustrador Emilio Urberuaga, a escritora María José Ferrada, a profesora Juana Vázquez, Manuela Rodríguez (en representación de Kalandraka Editora) e Xosé Manuel Rodríguez-Abella (en representación da Concellería de Educación). Actuou como secretaria a técnica de Educación Beatriz Varela.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora organizan anualmente e que, neste 2013, acadará a súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: