SEGURIDADE

Vinte e cinco condutores participarán na segunda edición do plan formativo dirixido a condenados a traballos comunitarios

05/04/2013 A gravidade de certas condutas temerarias provocou a súa penalización como delitos. Non obstante, os xuíces teñen a posibilidade de impoñer penas de prisión, multas ou traballos en beneficio da comunidade. Como alternativa para conmutar estas últimas, o edificio CERSIA acollerá este mes de abril un programa de formación promovido por Institucións Penitenciarias e financiado polo Concello, que ten como destinatarios aqueles condutores da zona de Santiago que foron condenados a penas de traballos en beneficio da comunidade, derivadas de delitos contra a seguridade viaria.

O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Luis Bello, presentou este plan formativo acompañado por Diana Parente, licenciada en Criminoloxía e policía local en Santiago. O programa desenvolverase en catro sesións durante os sábados de abril, de 9:00 a 14:00 horas.

Asistirán 25 condutores sancionados a esta segunda edición do programa, que tivo unha moi boa acollida na edición inicial de novembro de 2012. Neste sentido, Diana Pampín apuntou as "reticencias" coa que os condutores sancionados chegan ao curso, pero tamén a satisfacción coa que saen do mesmo. Respecto dos participantes na anterior edición, dixo non ter constancia de reincidencia nas infraccións.

A xornada nace para dar cumprimento aos traballos en beneficio da comunidade en materia de delitos contra a seguridade viaria. O obxectivo é que os sancionados poidan cumprir a devandita medida xudicial sen ter que desprazarse do seu ámbito municipal e cos menores prexuízos para a súa vida familiar, laboral e social. Ao tempo, preténdese sensibilizalos sobre os efectos que os seus actos provocan na sociedade.

Este tipo de formación trata, en definitiva, de concienciar os penados sobre as súas condutas ao mando dun vehículo. As sesións, eminentemente prácticas, pretenden conseguir varios obxectivos: sensibilizar e concienciar o penado sobre a influencia do seu comportamento na sociedade, xerar unha predisposición ao cambio a través dos coñecementos, crenzas e valores e traballar diferentes técnicas para resolver situacións problemáticas, así como potenciar condutas correctas.

Tamén se busca promover comportamentos baseados nos valores sociais. Para iso, os contidos das sesións estruturaranse en catro bloques temáticos. O primeiro deles baséase no Dereito Penal (infraccións, sancións...) e, o segundo, no tema do alcohol e nos efectos que este causa e os problemas derivados do seu consumo, especialmente cando se está a conducir un vehículo a motor. Na terceira sesión afóndase nas distraccións ao volante provocadas polo uso do teléfono móbil, o GPS, ou por comer ou beber mentres un está ao volante. O plan formativo remata cunha sesión con contidos máis de índole psicolóxica, na que se traballan técnicas como a empatía ou a asertividade e se trata de poñer aos participantes na situación contraria á que eles provocaron para que sexan conscientes das súas consecuencias. As sesións refórzanse coa proxección de vídeos sobre os efectos do alcohol e con traballos que os penados teñen que realizar nos seus domicilios, relacionados coa seguridade viaria, os accidentes de tráfico, etc. As sesións serán impartidas por policías locais licenciados en Criminoloxía e Educación Social.

Compartir: