FACENDA

A liquidación do orzamento de 2012 deixa un remanente positivo de 1,9 millóns de euros e unha "histórica" redución do endebedamento

05/04/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, presentou a liquidación do orzamento de 2012, que deixa un remanente positivo de case 1,9 millóns de euros e un nivel de endebedamento que se sitúa en nun mínimo "histórico" de 60,5 millóns de euros. O exercicio pechouse un resultado orzamentario positivo de case 17,7 millóns de euros.

Cecilia Sierra salientou o dato do remanente positivo de 1.890.310 euros, fronte aos -1.401.112 euros de 2012, o que supón unha mellora de 3.291.422 euros. "Esta é unha cifra relevante porque nos indica que o Concello ten a liquidez adecuada ao longo de todo o ano", indicou. Ademais, permitirá ao Goberno municipal contemplar a posibilidade de modificar o Plan de Axuste para destinar este remanente positivo a investimentos. Esta posibilidade dependerá da aclaración da Lei de Estabilidade Orzamentaria do Estado, que inicialmente prevía que este remanente se destinara a amortizar débeda.

Esta mellora no remanente atribuíuna a edil á provisión realista de ingresos e gastos realizada nos orzamentos, á diminución da cifra pendente de cobro (de 49.168.068 euros de 2011 a 35.768.995 euros en 2012), á redución da débeda comercial con acredores e provedores (de 23.957.295 a 12.734.000 euros) e ao aumento dos fondos líquidos a 31 de decembro de 2012 (de 10.565.704 a 15.875.098 euros).

O incremento do remanente tradúcese no aumento da liquidez inmediata das arcas municipais. Neste sentido, Cecilia Sierra referiuse ao "récord histórico" que supón pasar dun ratio de liquidez inmediata de 0,34 do exercicio precedente a 0,91 e do indicador de solvencia a curto prazo do 1,73 ao 2,95. "Estes datos son satisfactorios porque nos permiten afrontar exercicios futuros con máis tranquilidade e cumprir os obxectivos de estabilidade", apuntou.

Resultado orzamentario
Respecto ao resultado orzamentario, este foi positivo en 17.663.174 euros, fronte aos 6.013.631 euros de 2011, o que supón un incremento de 11.649.543 euros. Este dato favorable deriva, fundamentalmente, de que os dereitos recoñecidos superaron as previsións iniciais de ingresos. A concelleira recordou que nos orzamentos de 2012 se aplicara un criterio de "prudencia", non orzamentando os dereitos sobre os que non se tivera a seguridade do cobro. "Esta posición prudente viuse logo reforzada por unha mellora da xestión de ingresos e gastos e por unha xestión política de consecución de subvencións e ingresos extra", explicou.

Endebedamento
De "histórico" cualificou tamén a edil a redución do nivel de endebedamento analizando os últimos exercicios dende 2007. Así, a 31 de decembro de 2012, a cifra de endebedamento quedou nos 60.535.557 euros, fronte aos 63.866.288 euros do exercicio 2011. Lembrou que esta redución se produce malia a ter recorrido ao crédito ICO para o pago a provedores.

Esta cifra tradúcese tamén na diminución do volume de endebedamento por habitante ata os 632,75 euros. A nivel comparativo, explicou que este volume era de 670,82 euros en 2011, de 723,12 euros en 2007 e de 697,58 euros en 2010. Destacou a propósito da débeda que, ata febreiro, o actual Goberno municipal amortizou 15.166.868 euros.

Grao de execución, períodos medios e estabilidade
Cecilia Sierra ofreceu tamén outros indicadores da liquidación do orzamento de 2012, como o grao de execución de gastos, que pasou do 68,51% do exercicio anterior ao 72,15%, cunha mellora do 3,64%. En canto á realización dos pagos, pasouse do 74,77% ao 85,30%. Tamén a propósito dos pagos, resaltou que o período medio de pago a provedores pasou dos 142,77 en 2011 aos 73,84 días.

No capítulo de ingresos, o seu grao de execución pasou do 78,17% ao 87,67%, mentres que a realización de cobros incrementouse do 75% ao 86%. O período medio de cobro pasou dos 110,88 días a unicamente 64,63 días.

Finalmente, a concelleira referiuse á estabilidade orzamentaria, que quedou en 16.253.780 euros. Sobre esta cuestión, destacou fundamentalmente a tendencia ao mantemento deste parámetro positivo, resolvendo a tendencia de "dentes de serra" rexistrada nos últimos exercicios. Esta melloría tamén se reflicte na autonomía fiscal.

Orzamentos 2013
A propósito da aprobación dos orzamentos municipais para 2013, Cecilia Sierra agarda que esta vindeira semana se poida reunir a Comisión de Facenda xa que, segundo indicou, unicamente falta un informe de Intervención de fin de expediente. Explicou que o retraso na aprobación se debe en boa parte a un criterio de "prudencia", xa que se preferiu agardar a confirmación do Ministerio de Facenda relativa á posibilidade de destinar parte do superávit presupostado para 2013 a facer fronte á sentenza da operación Peleteiro pola que o Concello debe devolver 2,7 millóns de ingresos de aproveitamentos urbanísticos cobrados no seu día.

Compartir: