XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a xestión dos expedientes sancionadores urbanísticos

04/04/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou o contrato de xestión dos expedientes sancionadores en materia urbanística. Ademais, iniciou o expediente de contratación do servizo de lacería e deu conta da prórroga do permiso de ocupación da parcela de Salgueiriños utilizada como estacionamento e área de servizo para caravanas.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, o contrato de xestión das multas urbanísticas adxudicouse por un importe de 35.000 euros e unha porcentaxe do 29% dos ingresos anuais derivados do cobro destas sancións. Trátase pois da externalización destas tarefas de disciplina urbanística, co obxectivo de mellorar a eficacia, asegurando un maior nivel de cobro das sancións.

María Pardo recordou que se tomou esta medida, en primeiro termo, dada a imposibilidade legal de contratación de novos funcionarios para os labores de disciplina urbanística. A outra razón básica para externalizar este servizo é lograr a eficacia do mesmo. Neste sentido, a edil recordou que, ata agora, a penas se percibía o 6% das sancións.

A adxudicataria colaborará na xestión das infraccións relacionadas coas seguintes normas: Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, Ordenanza da Inspección Técnica de Edificacións (ITE), Ordenanza de publicidade e rotulación, Ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería e infraccións derivadas do incumprimento do nivel máximo de ruído no caso de actividades comerciais ou mercantís.

A empresa non poderá exercer aquelas funcións que por Lei corresponden a funcionarios públicos, tales como as actas de denuncia, a resolución de expedientes ou a resolución de expedientes administrativos. Tamén quedan fóra do ámbito desta adxudicataria privada o inicio de expedientes no caso de actividades sen licenza. A empresa traballará en todo caso baixo a dirección e supervisión municipal.

Estacionamento de Salgueiriños
Seguindo coa Área de Urbanismo e Desenvolvemento Urbano, deuse conta da resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Xunta de Galicia pola que se outorga un permiso de ocupación temporal, a favor do Concello de Santiago, dunha parcela duns 10.500 metros cadrados na zona de Salgueiriños. Esta parcela, de titularidade autonómica, é un área fundamental para a cidade, xa que é utilizada como estacionamento para autobuses e particulares e como área de servizo para autocaravanas.

Ademais, acordouse a solicitude do reintegro da subvención concedida a San Isidro Galicia, S.L. para a rehabilitación na rúa Conga 9 e rúa Xelmírez 11 por un importe de 316.614 €. En contestación ás alegacións formuladas por San Isidro Galicia, S.L. María Pardo explicou que esa reclamación se produce por incumprimento dos beneficiarios das condicións desta subvención, xa que contemplaba unha actividade no edificio durante dez anos, cando esta "a penas durou dous anos".

Servizo de lacería
A Xunta de Goberno aprobou igualmente o inicio do expediente de contratación do servizo de lacería para a recollida de animais abandonados correspondente aos anos 2013 e 2014. O importe de licitación é de 44.922 euros.

Proxectos europeos
En material de Benestar Social deuse conta da solicitude de participación do Concello de Santiago, a través da UMAD, en tres proxectos das convocatorias 2013 dos Programas Europeos Grundtvig e Leonardo da Vinci. Estes programas terían unha duración de 24 meses.

O primeiro dos proxectos é o denominado Auto training for former drug users (Autoformación para ex-drogodependentes). Preténdese desenvolver en Santiago un programa de formación para mellorar a cualificación neste sector e mellorar a reinserción na sociedade e no mercado laboral, deseñándoo en función das necesidades sinaladas polos propios destinatarios. Participan entidades de España, Italia, Bélxica, Bulgaria e Turquía.

O segundo dos proxectos é o Turning point (Punto de inflexión). Esta iniciativa ten a intención de explorar as posibilidades que ofrece a educación de adultos para dar unha segunda oportunidade a traballadoras sexuais inmigrantes.

Finalmente, solicítase a participación no proxecto Training for effective prevention of alcohol problems among adolescents (Formación para a prevención efectiva de problemas co alcohol entre adolescentes). Ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento da formación continua dentro deste campo, fortalecer a dimensión europea da formación continua en accións de saúde pública e intercambiar experiencias de traballo.

Convenios
A proposta da concelleira de Economía e Emprego, aprobouse a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Anaco para a inserción laboral de colectivos desfavorecidos, co que se poderá crear un taller/cooperativa ocupacional.

Na sesión tamén se deu conta do convenio asinado coa Confraría da Veracruz por importe de 2.500 euros. A voceira da Xunta de Goberno lembrou que a relación do Concello con esta confraría se remonta ao ano 1615.

Documentos relacionados



Compartir: