XUVENTUDE

Comezan os cursos de xestión de redes sociais e fotografía da Concellería de Xuventude

03/04/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, inaugurou no Centro Sociocultural de Santa Marta o curso Xestión eficaz das redes sociais. O venres 5 de abril arrincará tamén, neste caso no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, outra das accións formativas organizadas pola Concellería de Xuventude, o curso Fotografía en acción.

Dezaoito mozos e mozas asisten ao curso Xestión eficaz das redes sociais, de doce horas de duración. Desenvolverase os días 3, 4, 10 e 11 de abril en xornadas de 17:00 a 20:00 horas. Esta acción formativa de balde incidirá no correcto e eficaz uso ou xestión marca, para lograr o éxito dunha iniciativa, sexa individual ou colectiva, profesional ou persoal, conseguindo dinamizar plataformas de comunicación de grupos humanos e individuos coa sociedade, cos fans ou cos clientes potenciais.

Con este curso preténdese traballar en torno a unha comunicación horizontal e bidireccional co cidadán, amigo ou amiga, veciños ou grupo de persoas afíns en preferencias culturais, ideas ou metas. Considérase que esta é a ferramenta para tomarlle o pulso á rúa, coñecer o sentir das persoas, as súas preferencias, inquedanzas e necesidades permitíndonos adaptarnos as súas demandas e responder aos seus intereses.

Fotografía en acción
Por outra parte, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e varios espazos da cidade acollerán os días 5, 6 e 12 de abril o curso Fotografía en acción. Dezaseis mozos e mozas participarán nesta actividade, tamén de 12 horas, con xornadas de 17:00 a 20:00 horas os venres e de 10:30 a 13:30 horas os sábados.

Nesta actividade búscase que o alumno, afeccionado ou non a algún deporte ou actividade física, poida coñecer as pautas básicas e as técnicas específicas que lle permitirán conseguir boas imaxes das actividades deportivas. O movemento será un dos elementos básicos que se tratará, pois é unha das características destas actividades e principal ferramenta á hora de transmitir sensacións.

A través das imaxes traballaranse as técnicas e trucos más empregados na fotografía deportiva e de aventura. O aprendido de forma teórica poñerase en práctica a través dunha saída, na que se experimentará coas técnicas previamente explicadas.

Compartir: