BENESTAR SOCIAL

María Castelao tomou contacto co traballo en rede do barrio das Fontiñas

03/04/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, participou na reunión de barrio das Fontiñas coas entidades sociais, educativas e sanitarias que traballan na zona. O encontro celebrouse no Centro Sociocultural das Fontiñas.

María Castelao quixo coñecer polo miúdo o traballo que se realiza neste barrio, que destaca polo traballo en rede e a unión de esforzos en prol da autonomía das persoas e da convivencia, dende o respecto á diferenza. Desta rede de Fontiñas forman parte entidades como: Asemblea de Cooperación pola Paz, Caritas Parroquial de Fontiñas, CEIP Fontiñas, Centro de Día Arela, Centro Sociocultural de Fontiñas, Cruz Vermella, Escola Infantil Municipal das Fontiñas, Fundación Secretariado Xitano, Galicia Acolle. IES Antonio Fraguas Fraguas, IGAXES 3 (Instituto Galego de Xestión para o terceiro Sector), Programa de Apoio a Familias Monoparentais Abeiro, Servizos Sociais: UTS Fontiñas, Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), Unidade Municipal de Atención as Familias (UAF), Asociación de Veciños O Camiño das Fontiñas e Centro de Saúde de Fontiñas.

Memoria da Plataforma polo Emprego
Despois desta reunión, a concelleira participou na Galería Sargadelos na presentación da da memoria de actividades do ano 2012 da Plataforma polo Emprego.

Na súa intervención, María Castelao, destacou o o traballo realizado dende a Plataforma cos demandantes de emprego, materia na que tamén se referiu ao labor da Axencia Galega de Colocación na "creación dos itinerarios laborais das persoas, na busca de foertas de emprego e na conexión con empresas". Lembrou o impulso dado polo Goberno municipal ao Pacto Local polo Emprego, que "busca a colaboración de todas as entidades e axentes da cidade co fin de promover a creación de emprego".

Neste Pacto Local inclúense accións da propia Plataforma polo Emprego, que en 2013 suporán un investimento de 60.000 euros. Centraranse na "creación dun servizo de apoio ao recoñecemento da experiencia profesional e ás empresas de inserción, e á promoción dunha rede de emprego local para desenvolver unha cultura cooperativa e participativa na execución das políticas de emprego a nivel local".

Compartir: