COMERCIO

Santiago de Compostela converterase na capital da cultura empresarial e emprendedora co foro "Open your mind"

02/04/2013 O encontro Open your mind reunirá os días 18 e 19 de abril no Auditorio Novagalicia Banco as figuras máis relevantes do mundo da empresa e da aplicación da intelixencia emocional aos negocios, en dúas xornadas destinadas a fomentar a cultura de empresa e o emprendemento.

Organizadores e patrocinadores ofreceron unha rolda de prensa na Cámara de Comercio de Santiago, na que explicaron os pormenores dunha iniciativa que reunirá a preto de 500 empresarios, emprendedores e profesionais, e a 12 relatores de excepción, entre os que destacan Mario Alonso Puig ou Elsa Punset. Estes homes e mulleres, cuxa traxectoria profesional como empresarios e expertos motivadores levounos a alcanzar o recoñecemento nacional, serán os encargados de vertebrar un foro de empresas, emprendedores y profesionais único en Galicia.

O Foro Open your mind conta co respaldo do Concello de Santiago. A concelleira de Economía, Reyes Leis, pechou a rolda de prensa cunha idea clara: "Este encontro axudará a fomentar a cultura empresarial, a xerar proxectos e a descubrir moito talento, e é imprescindible que algo así se celebre en Galicia, en Santiago. Tiña claro que queriamos estar aquí".

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago, era o encargado de abrir unha rolda de prensa na que a palabra máis escoitada foi sen dúbida "iniciativa". Segundo este, o primeiro paso é o máis complicado na cultura empresarial, e é imprescindible para converternos en motor do cambio que necesitamos.

Algo semellante opinaba Jesús Soto, director de Zona de Novagalicia Banco, quen asegurou que a entidade decidiu formar parte do proxecto porque "eventos como Open your mind son fundamentais para promover o espírito emprendedor na sociedade e fomentar as oportunidades de negocio, dous aspectos básicos para a reactivación da economía e a para a renovación do tecido produtivo".

Un foro no que os asistentes serán parte activa
Buscando potenciar ese impulso empresarial e mellorar as relacións entre profesionais, Marisol Vázquez e Eloy Xesto, promotores do evento, deseñaron un foro no que os participantes serán parte activa e non meros espectadores.

Por iso, durante os dous días de relatorios -con personalidades tan destacadas como Elsa Punset, Mario Alonso Puig ou Gabriel Ginebra- o contacto entre os asistentes e os oradores serán constante e directo. "Haberá quenda para facer preguntas, e pausas para café, as pausas Minute Maid, pensadas para romper esa barreira e fomentar as relacións persoais", explican os organizadores.

E é que para estes emprendedores convertidos en empresarios, a clave das relacións empresariais atópase nas relacións interpersoais, nas emocións e no contacto directo, polo que apostaron por manter o formato networking, potenciándoo con eventos como a cea de gala do xoves, onde os participantes serán parte de xogos que fomentarán a interactuación.

Este carácter directo, de contacto interpersonal e de fomento das emocións levou a Coca-Cola Begano a participar como patrocinador, tal e como explicou María Sande, responsable de Relacións Externas da firma. Unha perspectiva moi semellante á de AJE, cuxa representante, Carmen José López, delegada de AJE Santiago, non dubidou en mostrar o seu entusiasmo ante a talla dos relatores, "todos eles primeiras figuras".

Relatores e inscricións
Segundo explicaron dende a organización de Open your mind, as inscricións están xa abertas a través da web do foro, www.openyourmindscq.es, en diferentes modalidades, permitindo aos asistentes participar só nas dúas xornadas de relatorio, só na cea de gala do xoves, que terá lugar no Pazo de San Lourenzo, ou en ambas cousas.

O prezo da inscrición é de 110 euros por persoa (95 euros por persoa se a inscrición se realiza nun grupo de tres ou máis profesionais), aínda que os dous días inmediatamente anteriores (16 e 17 de abril) o prezo elévase a 135 euros (110 euros para grupos). A cea de gala ten un custo de 55 euros por comensal.

A inscricción dará paso a dúas xornadas de charlas e networking, capitaneadas por pesos pesados do fomento empresarial, a intelixencia emocional e a xestión de emocións no desenvolvemento profesional, como son Mario Alonso Puig, Elsa Punset, Gregorio Fernández, Gabriel Ginebra, Alejandro Hernández, Fernando S. Salinero, Belén Varela, Roberto Pérez Marijuán, Juan José Romero Crusat, Marisol Vázquez, Eloy Gesto e Mario López Guerrero.

Compartir: