CULTURA

Pradairo presenta "Pateado" en Sons’13

02/04/2013 O ciclo Sons’13 trae ao Teatro Principal a Pradairo, que presentarán o seu traballo Pateado o sábado 6 de abril ás 20:30 horas. As entradas, a 5 euros, están á venda na billeteira do propio recinto do concerto, aberta de martes a sábado, máis os días de evento, de 18:00 a 21:00 horas.

Dous anos despois de presentar o seu primeiro traballo, Pradairo volve cunha nova proposta chea de tradición e innovación, sentimento e creatividade na que se mesturan sen complexos o mellor da música de raíz e do folk actual. Pateado é a reafirmación das nosas músicas como punto de partida irrenunciable para chegar a unha proposta musical diferente coa que nos poidamos sentir identificados.

Dez músicos, dez temas, dez realidades sonoras que flúen sen esforzo por todas as tímbricas dos nosos instrumentos coloreados con tinguiduras doutras terras. Ritmo e creatividade cos pés na terra.

Pradairo nace en outono de 2006 co obxectivo de levar adiante un proxecto que achegara un valor engadido ao traballo de campo realizado en Galicia nas últimas décadas. A súa idea musical plásmase por primeira vez nunha maqueta gravada nos estudos de son da Radio Galega nos meses de febreiro e marzo de 2007. Conseguen o primeiro premio, gravación dun disco, no certame de música folk Radio Obradoiro (Grupo El Correo Gallego).

En 2008 editan o seu primeiro disco, Aliaxe, realizando máis de vinte actuacións por toda a xeografía galega ao longo do verán e destacan como finalistas do certame Runas no Festival de Ortigueira. No ano 2009, Pradairo é seleccionado para participar no concurso Löic Raison de grupos noveis do Festival Intercéltico de Lorient e obtén a segunda posición.

Compartir: