CULTURA

Teatro clásico e contemporáneo en abril

02/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou a programación de teatro do mes de abril, acompañado por Fran Godón e Nelson Quinteiro. O calendario inclúe catro obras: Faust box, Master class cabaret, Bodas de Sangre e Snaquizados.

Fran Godón é director e autor da obra Faust box, da compañía Ut-Tópico Teatro, que acollerá a Zona C o xoves 4, venres 5 e o sábado 6 ás 20:30 horas, e o domingo 7 as 19:30 horas. As entradas están á venda a 6 euros. O Fausto de Goethe expresa con total claridade a dualidade do ben e o mal e ó individuo como unha bifurcación na cal hai que escoller. En Faust box, da escuridade total xorde un cuadrilátero en penumbra onde se desenvolve a acción.

No 2011 xorde Ut-Tópico Teatro, a compañía que vai dar nome aos proxectos xurdidos. A primeira montaxe titúlase Baile de sombras, un texto orixinal de Fran Godón que dirixe el mesmo e que interpretan Noelia Iglesias e Manu Lestón. A obra estreouse en Berlín ao ser seleccionada, entre obras de toda España, para participar no certame 3 noches españolas de autores contemporáneos españois que organiza a asociación Theatreuropa e subvenciona o Ministerio de Cultura. Logo comezaría a súa distribución por Galicia e recentemente vén de conseguir o primeiro premio no certame Xuventude Crea 2012 para creadores novos.

Nelsón Quinteiro é director da compañía Femme Fatale. Presentou Master class cabaret: unha cadeira para mover o mundo (do teatro de rúa ao teatro de escena), que presentarán no Teatro Principal o sábado 13 de abril ás 21:00 horas. Entradas á venda a 15 e 12 euros (anfiteatro).

Master class cabaret é un espectáculo de cabaré puro e duro no que o ritmo e a actitude definen a súa narración. Unha clase maxistral onde o argumento xira arredor do propio xénero e no que o mestre de cerimonias introduce ao público en diferentes compoñentes fundamentais do xénero. Así, conceptos básicos como a ruptura da cuarta parede, a combinación de disciplinas, a sensualidade, o uso do corpo ou a danza serán exemplificadas a través de diferentes números que retratan o cabaré.

O director xerente do Auditorio adiantou tamén a cita con Bodas de sangre (entradas a 15 e 12 euros no anfiteatro). Será o xoves 11 de abril a cargo da compañía Tejido Abierto. Tamén deu conta das representacións de Snaquizados o 26 e 27 de abril (entradas a 10 euros), de Áncora Producións. As dúas obras estarán no Teatro Principal.

Bodas de sangre é, xunto a La casa de Bernarda Alba e Yerma, unha das obras máis representadas do teatro lorquiano. Este Bodas de sangre é unha aposta pola poesía lorquiana inmersa nas raíces flamencas, onde a traxedia andaluza convértese en teatro. Una cita ineludible co teatro clásico. Está dirixida por Jorge Eines (Bos Aires,1949), catedrático en interpretación, director de teatro e teórico da técnica interpretativa, fundador e director da súa escola de interpretación.

Tejido Abierto Teatro nace en 2007. Buscando nome para o equipo de traballo reunido ao redor da obra de Samuel Beckett xorde a palabra "Tejido", como a que orixina, define e dá sentido a cada ensaio. Dirixida por Jorge Eines, é incubadora de novas procuras na elaboración do acontecemento escénico.

Pola súa parte, Snakizados, a comedia do fin do mundo, é un espectáculo, seleccionado da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic (RGTA), anovador, dende o texto á posta en escena, con imaxes e espazos sonoros e lumínicos impactantes. É a terceira parte dos Logomonos que, con Pisados e Colgados, falan da crise. Espectadores e crítica coinciden que se trata dun traballo fantástico e "unha navallada directa ao corazón".

Compartir: