MEDIO AMBIENTE

Compostela, contra o cambio climático

02/06/2006 "Ti controlas o cambio climático" é o título da campaña de sensibilización que vén de por en marcha a Comisión Europea e á que se uniu o Concello de Santiago de Compostela. Ata o 10 de xuño, os paneis informativos da cidade amosarán os lemas desta iniciativa, que propoñen aos cidadáns o reto de introducir pequenos cambios nos seus hábitos diarios, para conseguir unha redución substancial das emisións de gases de efecto invernadoiro.

A campaña ofrece abondosos consellos prácticos e sinxelos e aspira a infundir un sentimento de responsabilidade e capacidade persoal que axude á xente a combater o cambio climático. Entre as cincuenta recomendacións para reducir emisións está baixar a calefacción 1 grao, co que se consegue un aforro de enerxía de ata o 10%. Tamén é aconsellable non deixar o televisor, a cadea de música ou o ordenador en posición de espera, o que pode supor un aforro tamén de ata o 10%, ou imprimir o papel polas dúas caras.

A iniciativa diríxese tamén aos estudantes de secundaria, aos que se animará a que asinen unha declaración na que se comprometan a reducir as súas emisións de dióxido de carbono e a efectuar o seguimento dos seus esforzos.

Na Unión Europea, os fogares son responsables aproximadamente do 16% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro, na súa maior parte a causa da produción e consumo de enerxía (61%) e ao transporte (21%), dous sectores que utilizan combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas), que emiten dióxido de carbono durante a súa combustión.

No sector doméstico utilízase practicamente a terceira parte da enerxía consumida na Unión, e os vehículos particulares son responsables de aproximadamente a metade das emisións que ocasiona o transporte. Cada cidadán ten influencia directa sobre as emisións e pode impulsar os cambios para lograr unha sociedade pouco emisora de carbono, con medidas coma o recurso maior ás fontes renovables de enerxía.

Compartir: