CULTURA

Volve a danza ao Principal con "Lugares extrañamente desastrosos", de Thomas Noone

27/03/2013 Thomas Noone presenta a súa máis recente creación para público adulto, Lugares extrañamente desastrosos, dentro do ciclo Teatro & Danza. A danza máis dinámica, irónica e extrema chegará ao Teatro Principal o mércores 17 de abril, ás 21.00 horas. As entradas xa están á venda.

No escenario hai tres parellas. Cada unha delas baila a súa relación, as súas emocións. Comparten certo sentido dun inminente desastre, unha danza dinámica e explosiva e unha intensa linguaxe expresiva. A obra conta con música orixinal do compositor e intérprete inglés Jim Pinchen.

Os elementos escenográficos aluden a esta ruta cara ao desastre emprendida polo seis bailaríns. Thomas Noone quixo con esta peza centrarse naquelas situacións que irrevocablemente enfílannos cara ao caos, aínda que Lugares non é unha peza melancólica senón mais ben irónica e impregnada do humor que caracteriza as súas obras. Unha danza de múltiples riquezas, cun dinámico sentido do ritmo, un uso extremo dos recursos do corpo e coa precisión habitual nas propostas do coreógrafo e bailarín británico, residente en Barcelona dende hai 17 anos.

Estreada o 28 de xullo de 2011 no SAT!, Barcelona. Visitou a Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, o festival Madrid en Danza, o Teatro Circo de Murcia, o Festival Internacional de Teatro e Danza de Varsovia, La Villarroel de Barcelona, o Teatre Gimnazia de Maribor (Eslovenia), o festival Danza Gijón, o festival de Dansa de Samàniga, Offenbur e Resenburg (Alemaña), Teatro Barakaldo e o CC Egia de Donosti.

Prezo das entradas: 10 euros / 6 euros (estudantes, grupos maiores de 5 persoas de conservatorios e escolas de danza e música)

Puntos de venda:

- Billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no teatro, a venda anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono da billeteira: 981 542 349

- entradas.novagaliciabanco.es e 902 434 443

Direccións relacionadas



Compartir: