TURISMO

As rúas da cidade convértense unha vez máis en plató de cine

02/06/2006 As rúas da zona nova de Compostela serán escenario do 21 ao 25 de xuño da rodaxe de "Bechos raros", o guión gañador da III edición de Compostela Plató, dentro do Festival Internacional de Curtametraxes "Curtocircuíto´06". Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes, as súas autoras, xa están en Santiago para preparar e facer realidade unha historia que foi seleccionada entre 143 guións procedentes de toda a xeografía española.

Na súa primeira viaxe a Santiago, as gañadoras do Compostela Plató comezaron cos traballos de preprodución da curta: localización de escenarios, selección de actores, revisión definitiva do guión... Rematado comezará a rodaxe, que se fará en castelán e galego. As directoras contarán con toda a axuda técnica precisa e cun importante orzamento. O filme estrearase, a escala intenacional, na Gala de Clausura do Curtocircuito, o 21 de outubro de 2006.

Estibaliz Burgaleta e Alegría Collantes, coautoras do guión de "Bechos raros", residen e traballan en Madrid e contan cunha traxectoria profesional vinculada ao eido do audiovisual. O seu guión, "Bechos raros" é "a historia de tres habitantes nun ecosistema normal que lles é hostil e que elixen tres formas distintas de vivir a súa vida. E precisamente é esa capacidade de elección a que fai do ser humano o becho máis raro da natureza". O guión baséase formalmente no xénero documental, para crear unha atmósfera de comedia arredor da vida de tres inadaptados sociais que intentan arranxarse para vivir en sociedade.

O Compostela Plató tense convertido nunha importante plataforma de lanzamento no eido das curtametraxes. O mellor exemplo disto é a curta gañadora do pasado ano, Quérote mal, de Mireia Giró, que xa ten recibido 20 premios en menos dun ano en varios certames por toda España.

Outras actividades

O III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto’06, que se vai celebrar na capital galega do 17 ao 21 de outubro de 2006, conta, ademais, cun concurso de curtametraxes e un concurso de micromovies, de ámbito internacional, cuxo prazo de inscrición ficará aberto até o 30 de xuño. Até o momento téñense recibido curtas de Corea do Sur, Australia, México, Palestina, EE.UU, Suíza, Reino Unido ou Francia, ademais de España.

As actividades do CurtoCircuíto’06 acaban de comezar e prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (Curtocircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.

O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: