CULTURA

Triángulo de Amor Bizarro presentan o seu "Victoria mística" no Compostela Rock

25/03/2013 Triángulo de Amor Bizarro chega ao ciclo Compostela Rock coas cancións do seu último traballo discográfico, Victoria mística. As entradas para o concerto, que se celebrará xoves 25 de abril, ás 21:00 horas, na Sala Capitol, xa están á venda ao prezo de 12 euros máis de distribución en anticipada e de 15 euros na billeteira.

O grupo formouse na Coruña, aínda que os seus membros son de diferentes lugares do Barbanza, e da Coruña. Toman o seu nome da canción "Bizarre love triangle", do grupo británico New Order. Antes da gravación do seu primeiro disco, Triángulo de Amor Bizarro gravou dúas maquetas autoproducidas que chegaron ás semifinais do concurso de maquetas Proxecto DEMO do Festival de Benicassim dous anos seguidos, en 2004 e 2005. Nos seus comezos, o grupo era un cuarteto, derivando co tempo nun quinteto antes da gravación do seu primeiro disco, no que se formaron como trío, ata a entrada de Oscar Vilariño e Rafael Mallo en 2009.

Debutaron en 2007 cun disco imprescindible. En poucos meses pasaron do anonimato a estar en practicamente cada festival que se organizaba en España e incluso Portugal. O seu disco editouse en México e tanto prensa como público rendéronse ante a audacia e orixinalidade da súa proposta: un trío saído dun ambiente rural queimaba os foros e sacudía a opinión especializada con cancións directas, son atronador e frases impactantes. Antes de terminar o ano publícase o sinxelo El hombre del siglo V, un disco que termina converténdose en compilación de rarezas e que inclúe cancións das súas primeiras maquetas, gravacións novas e algún inédito non publicado ata o momento.

Confirmados en todas as listas anuais coma o debut nacional máis importante, continúan tocando sen descanso durante todo 2008. Ao ano seguinte, a formación sofre un cambio de batería e entra na banda un teclista e guitarra, que consolidan unha son realmente impactante que ten a súa proba de lume en México, en onde actúan para un público sorprendido da súa forza. Inmediatamente comezan a preparación dun novo disco que se grava a comezos de 2010.

Año santo publícase en maio de 2010 e, co hándicap dun debut que entrou en todas as listas de imprescindibles nacionais da década, a prensa en pleno catalógao como a súa mellor obra. Gravan un primeiro videoclip con Luis Cerveró e editan o disco en México a través de Arts & Crafts.

Tras dúas visitas ao país centroamericano e participar no Festival Corona Capital xunto a Pixies e Interpol, comezan una longa xira española. Edítase o sinxelo dixital Amigos del género humano, ao que acompañan versións de Julieta Venegas e Batiatto, e chega un segundo videoclip.

A revista Rolling Stone inclúeos entre os 10 grupos imprescindibles da escena rock española. Chegan os Premios da Música Independente 2011: 9 nominacións, que inclúen Álbum do Ano, Canción, Álbum de Rock, Directo, Videoclip, etc.
No verán de 2012 péchanse no estudio con produtor Sonic Boom para gravar novo material. Destas sesións edítase o sinxelo dixital Ellas se burlaron de mi magia.

O novo disco, Victoria mística, foi gravado na Coruña por Roberto Mallo e con mesturas de Manny Nieto (reputado produtor de Los Angeles que produciu a Health, The Breeders, Circle Jerks, etc).

Prezo das entradas:

12 euros máis gastos distribución (anticipada) / 15 euros (billeteira)

Puntos de venda:

- Billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no teatro, a venta anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono da billeteira: 981 542 349

- Ticketea, A Reixa Tenda, salacapitol.com.

Compartir: