BENESTAR SOCIAL

O Concello renova ante o Valedor do Pobo o compromiso municipal de loita contra o consumo de alcohol por menores

25/03/2013 A concelleira de Benestar Social e Educación, María Castelao, reuniuse co Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, na sede da institución. Foi o primeiro contacto da nova responsable da Área de Servizos Sociais co Valedor, co que renovou o interese municipal por seguir colaborando en materias como a loita contra o consumo de alcohol por menores, e tamén noutros ámbitos como o da loita contra a exclusión social ou o da igualdade.

María Castelao expresoulle a José Julio Fernández a intención do Concello de dar continuidade ás políticas municipais para combater o consumo de alcohol por menores. Este labor xa fora recoñecido polo Valedor do Pobo no seu informe anual, no que felicitaba ao Concello de Santiago.

En materia de erradicación do consumo de alcohol por parte de menores, este informe do Valedor mencionaba, entre as cidades analizadas, no lado positivo, Santiago de Compostela. Afirmábase que "se enfrontou de xeito decidido este tema, no marco da súa loita contra a inxestión de alcohol en zonas públicas".

O Valedor referíase igualmente á implementación polo Concello de Santiago de actividades lúdicas alternativas, incluídas as campañas informativas en centros de primaria e secundaria, e a aplicación das sancións legalmente establecidas, salientando os traballos en beneficio da comunidade adoptados como substitutivos das multas.

A concelleira comunicoulle ao Valedor que o Concello vai seguir traballando nesta liña de políticas preventivas e de reinserción. Ademais, expresoulle o desexo de colaborar noutras materias, como a loita contra a exclusión social ou as políticas de igualdade.

Compartir: