PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Aberto ata o 26 de abril o prazo para solicitar a colaboración municipal nas festas patronais dos barrios e parroquias

24/03/2013 Cando se achega o tempo das festas patronais é momento de continuar co compromiso municipal coas asociacións de veciños. Por iso, a Área de Participación Cidadá retoma a colaboración coas mesmas con motivo das festas populares de barrios e parroquias de Santiago de Compostela, tanto con actividades como cunha axuda para a instalación de carpas.

O prazo para presentar cuberta a solicitude de colaboración coas festas patronais remata o venres 26 de abril. O impreso de solicitude deberá presentarse por rexistro de entrada e, para axilizar a tramitación, tamén unha copia no Teatro Principal.

Esta convocatoria está destinada ás asociacións de veciños e, excepcionalmente, ás comisións de festas no caso de que non houbera asociación. Participación Cidadá lembra que esta colaboración se realiza unha vez ao ano.

A experiencia de 2012 resulto moi satisfactoria, tanto no número de asociacións coas que se colaborou –46- como polas alternativas ofrecidas. Neste ano 2013 hai varias opcións a elixir: xogos populares, grupo de música tradicional, coral, parque de xogos (para elixir dous, entre inchable, touro mecánico, futbolín humano ou cars a pedais), pasarrúas-charanga ou festa da espuma.

Finalmente, recórdase que, en relación ás carpas, a Concellería volverá a pagar unha factura de ata 300 euros máis IVE (remitida pola empresa contratada), no caso de que a asociación veciñal precise alugar unha. Esta axuda tamén se outorga unha vez ao ano. A carpa de Participación cidadá, de 10 x 6 metros, está a disposición dos veciños, sendo o prezo de instalación de 550 euros + IVE, prezo do que se descontaría a devandita subvención.

Compartir: