EDUCACIÓN

Premios para os novos valores da literatura galega

02/06/2006 Os máis novos escritores galegos recibiron os premios do XI Concurso Literario Ánxel Casal, nun acto celebrado no Auditorio de Galicia. Ante profesores e compañeiros de instituto, as gañadoras –todas eran mulleres- recolleron os galardóns cos que se premiaban as mellores obras nas modalidades de poesía, conto e teatro.

No apartado de poesía, recolleu o primeiro premio Alba Cid Fernández, do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, co título "Delirio de dedos". Para o xurado, a obra é un poemario fresco, mesmo ousado, que xoga con procedementos verbais e visuais dunha maneira creativa e efectiva con formas moi evocadoras. Endebén, o modelo de lingua utilizado é por parte moi ricaz, e tíralle un gran proveito e brillantez ás súas lecturas literarias".

O segundo premio de poesía foi a mans de Iria M. Lorenzo Lestón, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, co título "O sentimento frustrado do recordo". O xurado tamén quixo facer mención á obra de Andrea Porto Mato, do C. Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, co título "Cinema mudo".

A modalidade de conto tivo como triunfadora a Sara Martínez Martínez, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, coa súa obra "Revolution". Trátase dunha "narración con personaxes metaliterarios, un conto que ten un mundo propio e onde xoga cos límites entre a realidade creada e a ficción da realidade creada por outros. Está ben escrito e o resultado é un texto elaborado no que zumega madurez literaria, imaxinativa e intelectual. Neste conto vese o dominio do xénero cunha acaída dosificación dos compoñentes da trama da que sae unha narración equilibrada".
María Abellás Sequeiros, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, recolleu o segundo premio de conto polo título "Aparente realidade". Tamén neste apartado houbo mención especial, neste caso para a obra de Laura Losada Santamarina, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, co título "A miña vida trocou no deserto".

Finalmente, o primeiro premio na categoría de teatro recaeu en Noelia Martínez Rey, do Colexio Salesianos Divina Pastora de Lugo, co título "Monólogos con suspiros". Tamén ela recibiu o recoñecemento expreso do xurado: "Obra moi representable, ben trabada e coherente. É unha historia circular, coma o anel protagonista que roda de principio a fin. Trata sobre o tópico navideño e extrae lecturas diferentes, mesturando diversos ambientes desa noite de Nadal. Están ben equilibradas as distintas escenas e acaba a obra cun remate rotundo. Todo isto dálle á obra os merecementos para optar a ser representada." O segundo galardón foi para Andrea Porto Mato, do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela, co título "Natación para todos".

Esta décimo primeira edición do Concurso Literario Anxel Casal destacou pola calidade dos traballos presentados, que obrigou ó xurado a conceder mencións especiais a algunhas obras á marxe dos dous primeiros premios. Os encargados de entregar os galardóns foron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e as concelleiras de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón. Asistiron ao acto alumnos e profesores dos centros

Antes da entrega, actuou o grupo musical Leilía, co seu espectáculo "Son de Leilía", unha novidosa proposta na que a música vai da man do teatro e do humor. Está creada por Leilía en colaboración con Ana Vallés. Durante o espectáculo recordan os 15 anos de colaboración e de vivencias compartidas co obxecto de establecer aínda unha maior complicidade co público e ensinarlle a cara máis íntima de cada unha das compoñentes do grupo.

Compartir: