PLENO

O Pleno adopta por unanimidade un acordo de apoio aos afectados polas preferentes

21/03/2013 O Pleno municipal, na súa sesión ordinaria do mes de marzo, votou a favor por unanimidade un acordo de apoio aos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas. Ademais, a Corporación aprobou definitivamente o novo Regulamento da Policía Local, unha vez recollidas algunhas das alegacións presentadas.

A Corporación acordou que "o Concello realice as xestións necesarias para obter toda a información relativa ao número de afectados, número de solicitudes de arbitraxe, número de laudos resoltos favorablemente, os cartos secuestrados e devoltos aos veciños de Compostela, e ter unha información real e actualizada". Ademais, ínstase á Xunta de Galicia a "adoptar as medidas necesarias para a recuperación inmediata do 100% dos aforros, a través dun procedemento universal e extraxudicial, que dite a anulación de todos os contratos de participacións preferentes ou obrigas subordinadas dos clientes de NCG Banco afectados polo fraude".

No acordo tamén se insta ao Goberno do Estado a que adopte as solucións legais oportunas para eliminar as quitas e os canxes por outro tipo de produtos sen liquidez, que supoñan perdas por parte dos aforradores titulares destes produtos financeiros. Finalmente, a Corporación diríxese ao Instituto Galego de Consumo para que colabore co Concello mediante o mecanismo que se determine para "dotar de asesoramento a todas as persoas afectadas polo fraude na adquisición de participacións preferentes e obrigas subordinadas.

Na exposición de motivos explícase que, a día de hoxe, o 82% dos afectados por estes produtos financeiros (máis de 50.000 persoas) seguen sen recuperar os seus aforros. Neste sentido, apúntase que a arbitraxe só solucionou dous de cada dez casos de estafa". Lémbrase igualmente que "a plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas de Compostela e comarca ten como obxectivo principal a recuperación do 100% dos aforros para todos os afectados por esta estafa".

Regulamento da Policía Local
O novo Regulamento da Policía Local substituirá ao vixente actualmente, que data de 1990 . A proposta foi aprobada co voto favorable do grupo de Goberno, a abstención do BNG e o pronunciamento negativo do PSdeG-PSOE.

Cómpre lembrar que, tal como se indica no artigo 9 do Regulamento aprobado, son funcións da Policía Local as seguintes:

- Protexer ás autoridades da Corporación municipal e vixiar ou custodiar os edificios, monumentos, parques e xardíns e instalacións de todo tipo que constitúen o patrimonio municipal.
- Ordenar, regular, sinalizar, denunciar infraccións e dirixir o tráfico no ámbito da súa competencia, nas vías urbanas de titularidade municipal así como naquelas cuxa competencia fose cedida ao Concello.
- Instruír atestados por accidentes de circulación dentro do ámbito de competencia sinalado.
- A retirada de vehículos nas vías urbanas de titularidade municipal e naquelas cuxa competencia fose cedida ao Concello e o seu posterior depósito, nos casos e condicións que se determinen regulamentariamente.
- Policía administrativa, no relativo ás ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.
- Participar e cooperar nos actos de representación corporativa.
- Participar nas funcións da Policía Xudicial na forma establecida na normativa vixente e nos acordos ou convenios que se asinen para o desenvolvemento desta función.
- Prestar auxilio nos casos de acc idente, catástrofe ou calamidade publica, participando na forma prevista nas leis na execución dos plans de protección civil.
- Efectuar dilixencias de prevención e cantas actuacións tendan a evitar a comisión de actos delituosos no marco de colaboración establecido nas xuntas de seguridade.
- Vixiar os espazos públicos e colaborar coas restantes forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policía de Galicia na protección das manifestacións e no mantemento da orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requiridos para isto.
- Cooperar na resolución dos conflitos privados cando sexan requiridos para facelo.
- Calquera outra función en materia de seguridade pública que, de acordo coa lexislación vixente, lles sexan encomendada.

Ingresos públicos e crédito extraordinario
Na mesma sesión plenaria rexeitouse unha reclamación contra o acordo de aprobación inicial do expediente de modificación de ordenanzas de ingresos públicos 2012/013, neste caso cos votos favorables do Goberno, a abstención do BNG e o voto negativo do PSdG-PSOE.

Ademais, aprobouse cos votos favorables do grupo de Goberno e a abstención dos dous grupos da oposición unha modificación orzamentaria para facer fronte ao recoñecemento extraxudicial de crédito a favor de Servicios y Materiales, SA.

Compartir: