EDUCACIÓN

Unha exposición mostra o traballo do CEE de Xordos

01/06/2006 O Departamento de Educación e Mocidade e o CEE de Xordos organizan conxuntamente unha mostra dos talleres e as actividades que desenvolve este centro educativo de Compostela, coa colaboración da Obra Social de Caixa Galicia. "Todos iguais, todos diferentes. Santiago cidade educadora" ten como obxectivo que a comunidade educativa de Santiago, as familias e o tecido empresarial de Compostela podan coñecer a oferta educativa e formativa deste equipamento educativo.

Esta mostra pretende contribuír á integración dos nenos e nenas que cursan os seus estudos no CEE de Xordos, especialmente, dos mozos e mozas que están a participar nos diferentes programas de garantía social: olería e cerámica, carpintería, axudante de servizos de restaurante e bar, téxtil e confección, fontanería, carpintería de madeira maciza, axuda a domicilio ou fabricación de mobles, entre outros.

A exposición poderá ser visitada dende ata o 9 de xuño na Aula de Cultura de Caixa Galicia. O acto de inauguración coincidiu coa celebración dos 142 anos de funcionamento deste centro.

Na actualidade, o CEE Rexional de Xordos atende a educación de alumnos xordos e oíntes con multideficiencias nos niveis de educación infantil, educación primaria e primeiro ciclo de educación secundaria. Tamén se ocupa dos alumnos xordos e oíntes participantes en diferentes programas de garantía social (P.G.S.) e atende a tempo parcial, no Centro de Recursos, ao alumnado procedente de centros públicos e concertados da bisbarra de Santiago de Compostela con problemas de audición e/ou linguaxe.

O proxecto educativo do centro resúmese en favorecer o desenvolvemento integral dos alumnos e alumnas e a súa integración social, proporcionándolles as habilidades necesarias para a súa posterior incorporación á vida social e laboral.

Compartir: