COMERCIO

O Concello convoca os Premios do Comercio Compostelán 2013

21/03/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi os Premios do Comercio Compostelán 2013, cos que o Concello quere recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade e que se entregarán o día 23 de maio nunha recepción no Concello. A concelleira estivo acompañada da xerente da Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño, Elena Fabeiro, xa que, tras a experiencia positiva do ano pasado, por segunda ocasión a peza conmemorativa que se entregará aos premiados seleccionarase entre os artesáns composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.

Para dar maior difusión aos premios haberá por primeira vez unha web propia, www.santiagocomerciodecine.com, onde se poderá consultar toda a información dos premios. Nesta edición incorpóranse dúas novas categorías, que veñen a substituír ás denominadas Comercio 2.0 e Comercio Emprega. Son as seguinte:

Comercio Emprende: valorarase o espírito emprendedor dentro do comercio local, apreciando cuestións como a idade do promotor, o tipo de negocio, a capacidade de xeración de emprego ou a diferenciación e iniciativas de éxito.

Comercio Activo: teranse en conta aquelas iniciativas de asociacións ou grupos e comerciantes que destaquen por promover a dinamización do comercio local. O xurado valorará actuacións de apoio ao comercio, o número de comercios agrupados e a orixinalidade das iniciativas.

As categorías que repiten respecto da anterior convocatoria son:

Comercio de Barrio: terase en conta aqueles comercios que destaquen pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador no 2012 foi Tórculo Artes Gráficas.

Comercio Agarimo: premiarase ao comercio que sobresaia pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. En 2012 obtivo o recoñecemento Como Pez en el Agua.

Comercio Innovación: recoñeceranse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados. O premiado en 2012 fora Pastelería Doce.

Comercio Veterano: recoñecerase o traballo deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu labor dende hai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación aos novos tempos. O comercio gañador da anterior edición fora Mercería Hermosinda Corzón.

Os gañadores dos premios de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixiranse mediante votación popular a través da web do concurso. Os outros catros serán escollidos por un xurado composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos.

Os galardoados recibirán unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convócase tamén un concurso dirixido aos artesáns composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. O xurado estará formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais.

Compartir: