BENESTAR SOCIAL

Unha nova publicación reflexiona sobre feminismo, socialización e poder

20/03/2013 A terceira obra editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) está dedicada aos Diálogos en la cultura de la paridad, título do volume que se presentou nun acto presidido polo reitor Juan Casares e ao que asistiu a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao. A publicación fai unha reflexión sobre feminismo, socialización e poder.

A obra pretende axudar a crear unha comunidade de diálogo eficaz entre as mulleres e homes de distintas culturas partindo das teorías feministas para analizar o pensamento das diferenzas de xénero. Así, dende diferentes enfoques teóricos e metodolóxicos, en Diálogo en la cultura de la paridad un conxunto de profesionais do ámbito universitario español e brasileiro reflexionan e proporcionan datos e argumentos sobre a produción de diferentes identidades de xénero, construídas dende a singularidade europea e dende a latinoamericana, coas súas diferenzas e peculiaridades.

Comeza a obra a profesora Rita Radl cun traballo que serve para enmarcar o estatus epistemolóxico particular do coñecemento das mulleres e do xénero dende unha visión actual. Así, partindo da concepción de neutralidade axiolóxica analiza as orixes do movemento feminista para profundar na temática dos estudos e o coñecemento das mulleres na universidade.

En experiencias concretas de socialización, a obra presenta reflexións respecto dos diversos niveis educativos, comezando co ciclo 0-3 anos, no que Anna Carreras, Marina Subirats e Amparo Tomé presentan unha proposta de traballo coeducativo, realizando algunhas propostas en canto a xogos, espazos e estrutura e interacción. No seguinte nivel, a educación secundaria, Carlos Rosales aborda a educación para a igualdade a partir de fontes teóricas e empíricas, aproveitando as respostas do alumnado deste nivel educativo para realizar algunhas propostas de traballo.

Dende o sistema educativo brasileiro, Sueli Biano, Tânia Gusmãou e Jorge García, partindo do ámbito da Educación de mozas/os e adultos, analizan as relacións entre coñecemento matemático e mulleres, achegando algunhas claves arredor do concepto de ciencia e xénero. Recompoñer as relacións históricas do xénero na educación brasileira á luz das experiencias vividas por mulleres que educaron xeracións enteiras entre 1930 a 1970 levou a Ana Palmira Casimiro e Lívia Diana Rocha Magalhãés a centrarse nos límites da historiografía oficial sobre as relacións de igualdade e educación e a análise desa reconstrución.

De xeito individual, Jorge García Marín enfoca algúns dos aspectos que teñen que ver coa experiencia dos universitarios no uso de videoxogos e máis en concreto coas identidades de xénero transmitidas por esta vía. No mesmo marco xeográfico, Angela Viana Machado, Elisangela Lelis Cunha e Luci Mara Bertoni achegan datos dunha investigación que estuda a situación dos presidios femininos en Brasil coa abordaxe dos perfiles socio-demográficos das reclusas e a súa reeducación. Finaliza esta temática sobre diferentes aspectos de socialización, a proposta de Susana de Andrés del Campo ao ofrecer unha aplicación do concepto de violencia simbólica de xénero nos medios de comunicación, así como un exercicio analítico e de interpretación dalgúns exemplos representados en anuncios.

Nun segundo bloque, que aborda aspectos da relación entre traballo e familia, Lola Frutos analiza a construción do discurso da conciliación no contexto europeo, con atención no plano teórico á lexislación española e no ámbito empírico a distintas enquisas que permiten valorar os avances reais na relación traballo-familia. En contraposición e achegando a perspectiva socio-histórica brasileira, Ana Elizabeth Santos, analiza as diferentes formas de familia en relación á separación do traballo produtivo do espazo da reprodución familiar e a conseguinte división sexual do traballo.

Pola súa banda, Constanza Tobío, partindo da idea de individualización e do concepto de coidado, presenta distintos modelos de política social e os seus efectos para as persoas necesitadas de coidado así como sobre a igualdade de xénero.

O conxunto complétase con traballos como o de María Antonia García de León que coa súa cartografía de poder, desvela algunhas das claves sobre o poder das mulleres profesionais e pola tanto analiza os territorios de poder por xénero. Pola súa banda, Mª Begoña Gómez mostra algúns indicadores que ilustran como o impacto da crise financeira e a desaceleración do crecemento económico no emprego son distintos en función do xénero.

A obra finaliza coa achega de Mª Josefa Mosteiro e Ana Mª Porto cunha análise da traxectoria académica e profesional dun grupo de mulleres docentes e investigadoras na área de Ciencias Experimentais ofrecendo algunhas claves para a adopción de medidas que permitan superar as desigualdades detectadas.

A presentación pública da obra contou coa presenza, ademais do reitor e da concelleira, da directora do CIFEX, Rita Radl; dos coordinadores do volume, o profesor Jorge García e a profesora Begoña Gómez; e do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco.

Compartir: