EDUCACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Vive a Paixón" impulsa o uso do galego na celebración da Semana Santa de Compostela

20/03/2013 As concelleiras de Educación, María Castelao, e de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asistiron á presentación da campaña Vive a Paixón, impulsada pola Confraría de Estudantes en colaboración co Concello e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tal e como explicou Manuel Souto, presidente da Xunta de Confrarías de Santiago, "o programa Vive a Paixón pretende valorizar a Semana Santa de Santiago mediante o uso do galego e das novas tecnoloxías, promovendo actuacións de difusión e participación social". Este programa incorpora un concurso con tres categorías: "paixón curta", "relata a paixón" e "a paixón de pedra", que consisten, respectivamente, en difundir en galego curtametraxes, artigos e fotos relacionadas coa Semana Santa de Santiago. Os traballos poden ser subidos ás redes sociais ata o 3 de abril e repartirase un total 900 € en premios. Os interesados poden consultar as bases na páxina web www.viveapaixon.com.

O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a importancia deste programa para "apostar por unha Semana Santa máis galega e en galego" e manifestou a súa satisfacción por "achegar a nosa lingua a estas manifestacións populares, sociais e culturais". Sinalou tamén a significación de "aproximar estas tradicións á xente nova e a utilización das novas tecnoloxías para o seu desenvolvemento e difusión".

Ademais de Vive a Paixón, o delegado de Xuventude da Irmandade de Estudantes, Javier Otero, presentou os programas que integran Paixón Escolar e Social 2013 e que, da man da Xunta de Confrarías, esta Irmandade promove para os próximos días. Estes programas son os seguintes:

- Pinta o noso Ecce Homo: programa dirixido aos escolares de Santiago para que pinten sobre a nosa Semana Santa (o día 21 de marzo).

- Percusionatta: programa para escolares que se desenvolverá o venres 22 na praza das Praterías ás 12 do mediodía, onde os nenos tocarán cun "instrumento de percusión improvisado durante 15 min".

- Paixón Solidaria 2013: evento para todo tipo de público que se desenvolverá o sábado 23 ás 20 horas no Teatro Principal coa estrea da película Al otro lado, de Mara Gutiérrez.

O fin común destes tres programas é doar durante a Semana Santa as ceas que ofrece a Cociña Económica de Santiago. Para conseguir isto, por cada neno que suba o seu debuxo ás redes, por cada neno que participe na Percusionatta e por cada persoa que acuda o sábado 23 ao Teatro Principal, o Ximnasio Esqulture sufragará as ceas na Cociña Económica.

Tanto a concelleira de Educación, María Castelao, como a de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, animaron aos escolares e santiagueses a participar en todos actos para promover este fin social, fomentando ao mesmo tempo o uso da nosa lingua.

Direccións relacionadas



Compartir: