ECONOMÍA

O Concello crea un Observatorio Urbano con máis de 100.000 datos sobre Santiago

20/03/2013 A concelleira responsable da Área de Economía, Reyes Leis, acompañada do representante da empresa Cylstat, Óscar Bernal, e do responsable do Servizo de Informática, Jesús Castro, presentou o Observatorio Urbano de Santiago de Compostela, un novo servizo on-line co que se quere poñer a disposición pública información socioeconomica municipal, que sirva para comprender mellor a cidade e facilitar a toma de decisións.

Trátase dunha nova ferramenta na que se recollen datos estatísticos xerados por outras administracións e entidades, así como polo propio Concello, estruturados en catro grandes bloques: Territorio e medio ambiente, con datos de agricultura e gandería, medio ambiente e territorio; Cohesión social, con datos de cultura, deporte, educación, poboación, procesos electorais, sanidade, seguridade cidadá, servizos sociais, transporte, urbanismo e vivenda; Economía e competitividade, con cifras relativas a catastro, contas económicas e sector público, mercado de traballo, promoción económica, servizos públicos ou tecido empresarial; e Imaxe e turismo.

O Observatorio nace como un servizo interactivo en continuo desenvolvemento, que ofrece 2.784 variables con case 125.000 datos, pero que está pensado para ir medrando. Cada unha destas variables conta cunha ficha metodolóxica que permite coñecer a súa fonte, ademais dos ámbitos territoriais e os períodos de tempo aos que se fai referencia, de forma que se teña unha descrición precisa das mesmas.

Co fin de garantir a actualización periódica dos datos contidos no Observatorio, esta previsto facer un labor continuado de mantemento, de maneira que aínda que unha parte dos datos teñen unha periodicidade anual, hai outra parte de datos relativos a poboación padronal, mercado de traballo, vivenda ou PIB municipal, que teñen unha periodicidade trimestral ou mensual, que permite facer un seguimento e avaliación moi precisa do Concello.

O Observatorio está pensado como unha ferramenta de difusión estatística pensada para profesionais, investigadores, e estudantes, así como axentes sociais e económicos que requiran datos estatísticos municipais cos que analizar e realizar propostas. Pero especialmente para emprendedores, empresarios e autónomos dos sectores do comercio e dos servizos de proximidade, xa que atopará información; tanto sobre demanda potencial a partires da estrutura da poboación residente, como da competencia existente a partires da análise da estrutura económica existente nos seus entornos inmediatos.

Con este Observatorio, o Concello quere atender as demandas de cidadáns, pero tamén de institucións públicas e privadas coma colexios, universidades, consultorías, empresas, asociacións, que requiren de información municipal. Desta forma, preténdese conseguir un Concello máis transparente, xerar unha maior cultura estatística para una cidade que quere desenvolverse na sociedade da información.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: