BENESTAR SOCIAL

Telexerontoloxía, un servizo pioneiro dispoñible no CSC das Fontiñas e nas Aulas da Terceira Idade

19/03/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu á presentación en Santiago de Telexentoloxía, un servizo de axuda a persoas de idade avanzada ou con discapacidade. Está disponible no Centro Sociocultural das Fontiñas e nas Aulas da Terceira Idade.

O sistema, deseñado polo Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña (UDC), é absolutamente pioneiro e único en todo o mundo e xa se está probando en residencias e domicilios, como programa piloto, dentro do proxecto Envellecemento+Activo de Novas Prácticas Institucionais de Base Transfronteiriza, financiado a través de fondos estruturais POCTEP e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

De Telexerontoloxía benefícianse no CSC das Fontiñas regularmente unhas 25 persoas maiores de 65 anos, con autonomía para o desenvolvemento das actividades básicas e instrumentais da vida diaria. A maiores, tamén pode ser utilizado noutras accións de grupo que se realiza. Calquera persoa que estea interesada pode solicitar mais información nas dependencias da Unidade de Traballo Social de Fontiñas (Servizos Sociais) ou no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Telexerentoloxía é un innovador sistema de apoio xerontolóxico a domicilio baseado nas novas tecnoloxías de teleasistencia avanzada dirixido ás persoas maiores (e coidadores/ás) que vivan soas ou presenten perda de capacidade funcional e/ou cognitiva. Valora cada persoa de xeito individual e personaliza as actuacións terapéuticas necesarias en cada momento, analizando o seu estado cognitivo, a tensión arterial, pulso, nivel de saturación de osíxeno en sangue e outros parámetros, ademais de facilitar a interacción por videoconferencia, fomentando paralelamente a atención centrada na persoa de forma on-line e o envellecemento activo.

Todo mediante unha conexión a Internet e os compoñentes de Telexerontoloxía: unha pantalla táctil de uso moi sinxelo e intuitivo; unha terminal central que conecta todos os dispositivos e a comunicación exterior, así como a súa xestión remota dende o Centro de Control, onde un equipo de expertos en xerontoloxía atende as 24 horas do día calquera incidencia ou consulta; finalmente, unha pulseira de alarma máis avanzada que as convencionais que activa un sistema de videoconferencia co Centro de Control, priorizando o historial clínico do usuario, que figura no devandito centro.

Telexerontoloxía ofrece tamén servizos como o adestramento e valoración cognitiva a través dunha aplicación denominada Telecognito, rehabilitación por vídeo e contidos estáticos, Internet ou un especialista na casa para calquera consulta e programa.

Compartir: