CENTROS SOCIOCULTURAIS

Intensa semana científica e cultural en Fontiñas

01/06/2006 O Centro Sociocultural de Fontiñas celebra a quinta edición da súa Semana Cultural e faino cunha axenda chea de actos. Este ano, o obxectivo do Centro é achegar o mundo da ciencia aos distintos colectivos de idades, tal como apuntou a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, na presentación destas actividades.

O programa de eventos comezará o luns 5 de xuño, coa presentación da exposición didáctica e multimedia sobre neurociencia a cargo de Mónica Gónza¬lez Domínguez, bióloga e responsable de promoción e cultura científica da delegación do CSIC en Galicia. Ese mesmo día haberá unha exposición didáctica sobre Ramón y Cajal, coa colaboración de Nieves Vidal (bióloga e investigadora do CSIC) e de Faustino Gómez (físico de partículas da USC). A xornada pecharase cun concerto a cargo dos nenos cantores da Orquestra Sinfónica da Coruña.

Ao longo dos seguintes días, haberá programas específicos para achegar o mundo científico aos nenos e nenas, á mocidade, aos maiores e á cidadanía, respectivamente. O calendario inclúe, entre outras actividades, visitas guiadas, charlas coloquio e xogos interactivos. Todo isto complementarase con diversos acontecementos lúdicos, coma concertos, teatro, recitais poéticos ou xogos de mesa.

As actividades desenvolveranse do 5 ao 10 de xuño, malia que quedarán para os días 16 e 17 as entregas de diplomas aos participantes nos xogos. Ademais, a tarde do venres 16 haberá baile coa orquestra Dúo Master.

Documentos relacionados



Compartir: