BENESTAR SOCIAL

Os centros escolares acollerán os obradoiros de sensibilización "Creando en igualdade"

18/03/2013 A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, María Castelao, presentou os obradoiros Creando en igualdade, que se impartirán entre escolares de primaria e secundaria de máis de 25 colexios do municipio. Estas sesións enmárcanse no III Plan de Igualdade, no que se incide na necesidade de traballar nun cambio de valores entre homes e mulleres dende a educación a través de accións de sensibilización.

Programáronse ata 12 obradoiros diferentes: Autorretrato, Choiva de cores, Aquí quen cociña?, Bolsas pola igualdade, Capturando imaxes, Historia dun encontro, Parecidos razoables, O calendario da igualdade, Pesonalización de carpetas, Historia ilustrada – un mundo en positivo, A pequena familia e O dado da igualdade. O programa Creando en igualdade conta cunha subvención da Deputación da Coruña de 31.161 euros, que permiten a realización dos obradoiros e a contratación de dúas psicólogas.

Os obradoiros xa foron presentados aos centros educativos e manteranse reunións individualizadas coas direccións e ANPAS de cada colexio, co fin de que cada centro escolla o que máis lle interese e fixar un calendario. Estas sesións impartiranse ata o mes de maio.

María Castelao indicou que o obxectivo xeral de todos estes obradoiros é "fomentar e difundir os valores positivos da igualdade entre os homes e as mulleres no ámbito educativo, como principio fundamental da xustiza social e co valor engadido de completar a formación dos nosos nenos e nenas". Entre os obxectivos específicos, citou a promoción da tolerancia, o fomento da corresponsabilidade nas tarefas do fogar, a ampliación do vocabulario dos nenos e nenas á hora de expresarse en prol da igualdade, o fortalecemento dos vínculos entre os escolares a través do traballo en equipo e o fomento da observación e o pensamento crítico entre os máis pequenos.

Documentos relacionados



Compartir: