TURISMO

Santiago de Compostela e os concellos da comarca preparan un paquete turístico específico para este verán

18/03/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuniuse cos concelleiros de Turismo dos municipios da área metropolitana de Santiago. Dábase así continuidade ao grupo de traballo creado o 11 de marzo coa fin de estratexias conxuntas para incentivar o turismo.

Segundo explicou Reyes Leis, nesta e nas vindeiras reunións estanse a marcar as pautas para difundir os valores turísticos da comarca. Trátase de poñer sobre a mesa os recursos turísticos de cada concello para "facer paquetes turísticos específicos".

Con este obxectivo, estase a traballar xa na imaxe e no nome para estes paquetes, a fin de ter xa un produto específico para este verán. A orientación pasa fundamentalmente por unha oferta de escapada familiar con visitas ao patrimonio de Santiago e da comarca. "Preténdese darlle contidos aos turistas que veñen a Santiago para que ocupen o seu tempo a partir do segundo día de estancia", indicou a concelleira.

Para avanzar neste produto turístico seguiranse realizando reunións inicialmente semanais entre concelleiros e técnicos de Turismo. Nestes encontros tamén se está a incidir no apoio ao aeroporto de Lavacolla, instalación cuxa proxección está tamén estreitamente vinculada á importante comarca que o rodea.

Documentos relacionados



Compartir: