PATRIMONIO

Os traballos no Castelo da Rocha continuarán ata 2014

01/06/2006 Os traballos nas escavacións do Castelo da Rocha Forte continuarán previsiblemente ata o ano 2014. Así o anunciou o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, na sinatura dun convenio entre esta entidade e a Universidade de Santiago para a continuación das actuacións neste 2006. Rematados estes labores, crearíase o parque arqueolóxico contemplado xa no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O acordo recolle actuacións por un orzamento de 150.000 euros, cos que se financiarán os traballos e a contratación de persoal especializado.

Os traballos a desenvolver este verán serán fundamentalmente técnicos e apenas se escavarán uns 200 metros cadrados no muro oeste e nunha franxa da zona suroeste. Realizaranse labores de consolidación na entrada e na parte interior do castelo, e actuacións de limpeza e delimitación topográfica. Finalmente, acometeranse novas tarefas de planimetría e fotografía aérea, que sirvan como base, dende a topografía, para axudar a construír hipóteses de interpretación sobre como funcionou a fortaleza da Rocha Forte durante a época baixomedieval.

O reitor da USC, Senén Barro, lembrou que xa é o quinto ano de traballo nuns restos que "comezaron cun montículo de vexetación silvestre e agora ofrecen uns valiosos resultados arqueolóxicos". Na súa opinión, os restos da Rocha son tamén "un laboratorio de excepción para formar futuros arqueólogos e investigadores".

Pola súa parte, o alcalde Compostelán apuntou que non deixa de sorprenderse pola "calidade e cantidade dos restos que están aparecendo". Sánchez Bugallo sinalou como obxectivo próximo "delimitar o ámbito da fortaleza no seu entorno, para así afrontar a adquisición dos terreos circundantes e garantir a continuación da investigación e o futuro parque arqueolóxico"

O Castelo da Rocha foi construído no ano 1240, no límite sur do territorio outorgado polo rei Alfonso I á igrexa de Santiago de Compostela no ano 834. O castelo foi destruído, por primeira vez, durante as revoltas santiaguesas contra o Bispo de Landoira, e de novo en 1466, na terceira guerra irmandiña.

As fontes documentais máis antigas describen o asentamento como unha fortaleza rodeada por tres murallas, cunha torre da homenaxe de catro pisos, unha ermida e nove torreóns. O castelo non só defendía á cidade das posíbeis ameazas exteriores –dada a súa estratéxica situación na antiga vía Santiago-Padrón- senón que ademais serviu, en máis dunha ocasión, de refuxio aos arcebispos ante os vehementes ataques dos seus súbditos.

As campañas arqueolóxicas permitiron ata agora descubrir e recuperar diferentes estruturas e recintos, así como unha cantidade inxente de materiais cerámicos, metálicos e pétreos. Unha boa parte dos traballos de escavación centráronse nas liñas defensivas do castelo, o que permitiu documentar dous grandes torreóns de entrada, unha barbacana e un gran torreón circular arrimado ao lenzo principal da muralla, detrás do cal xurdiu unha estancia cuadrangular que, pola súa configuración, podería ser a torre da homenaxe. Na pasada campaña, intensificouse a escavación das estruturas defensivas.

Compartir: