NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística promove cun novo concurso o uso do galego na publicidade comercial

15/03/2013 O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, convoca o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial, baixo o lema "Brilla con novas ideas, en galego". Trátase dunha iniciativa pioneira coa que persegue achegar un incentivo para a galeguización tanto das empresas como dos establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, ao mesmo tempo que pretende engadir valor e rendemento ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais da comunicación publicitaria.

"Brilla con novas ideas en galego" contará con 5.000 euros para a súa execución material e, en concreto: "búscate a ti adict@ ao cofi; a ti que odias a comic sans; a ti que ctrl+c aos grandes mestres; a ti que rasterizas sen ter rastas; a ti experto 3.0 redes e canles; a ti que sabes como chegar a clientela; porque o noso comercio necesítate".

O concurso de ideas persegue que o galego e a comunicación publicitaria sexan unhas ferramentas útiles, permitíndolles ás empresas que demostren a súa proximidade e adaptación ao público ou clientes aos que se dirixen; marcar os seus produtos e servizos cun sinal de identidade propio, e así diferenciarse nun mercado cada vez máis globalizado.

Con esta nova proposta, a Concellaría de Normalización Lingüística continúa na súa liña de actuacións cumprindo o recollido no Plan xeral de normalización lingüística, avanzando na implantación da oferta positiva nas relacións comerciais, na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre empresa e cliente.

Quen pode participar e prazos
Poderán participar no concurso tanto empresas como profesionais do deseño e da comunicación, que deberán presentar un proxecto orixinal dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial, ou ben un grupo de establecementos ou unha asociación do sector que formen parte do tecido socioeconómico compostelán.

A campaña de publicidade poderá deseñarse para calquera soporte e sistema de distribución. Por outra parte, serán os participantes os que xestionen, pola súa conta, a execución do proxecto gañador e obteñan, para iso, os acordos necesarios coa empresa ou empresas obxecto da campaña publicitaria.

O prazo para formalizar a participación no concurso no Rexistro Xeral do Concello remata o 15 de abril. Para máis información, e coñecer polo miúdo as bases deste concurso, os interesados poden facelo a través da web municipal web municipal ou interactuar nas redes sociais, Facebook: Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego; ou en Twitter: @novas_ideas.

Oferta en positivo e unha oportunidade
Rebeca Domínguez agarda que a campaña que se execute ao abeiro do premio contribúa a demostrar que "é rendible recorrer a profesionais que poidan resolver con eficacia as necesidades comunicativas e promocionais das empresas" e que "usar o galego na publicidade tamén é rendible: por que é ben acollido e valorado e porque nos ofrece moitas posibilidades comunicativas e nos achega recursos útiles para conectar cos receptores".

Esta oferta en positivo, dixo, apóiase nos datos das análises sociolingüísticas, que nos indican que "a máis do 15% da clientela parécelle moi ben que se utilice máis o galego do que se vén facendo nas relacións comerciais. A máis do 46 % parécelle ben. E ao 23% élle indiferente. É dicir, unha clara maioría está a favor de que o galego amplíe a súa presenza neste ámbito".

Nese punto, a concelleira tamén se referiu ao uso real, detectando que "nunca se supera o 25% do uso do galego na imaxe corporativa e tamén que existe un forte desacompasamento entre o que é uso interno (entre o persoal), que chega a superar o 50%, e o que se fai logo no contacto externo (cos clientes), que baixa a un 37,8%". Isto supón, segundo a edil, que "nas nosas empresas fálase en galego detrás do mostrador pero non se comunica en galego cunha clientela que o está desexando".

"Quixemos ter en conta que o galego pode ser unha ferramenta útil, mesmo nestes momentos de crise económica: permite ás empresas demostrar a súa proximidade e adaptación ao público ao que se dirixen, permítelles diferenciar e marcar os seus produtos e os seus servizos cun sinal de identidade propio; permítelles, en definitiva, diferenciarse nun mercado cada vez máis globalizado", engadiu. De aí a contribución da Concellería con esta campaña a que "se aproveiten estas oportunidades".

Direccións relacionadas



Compartir: