XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prazos de admisión e matrícula na Escola Municipal de Música

14/03/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou os prazos de admisión e matrícula da Escola Municipal de Música para o curso 2013-2104. Tamén determinou os membros do xurado do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados e deu o visto bo á revisión das tarifas do Mercado Nacional de Gando.

Para o alumnado actual da Escola Municipal de Música, o prazo de renovación de praza estará comprendido entre o 2 e o 12 de abril. Unha vez coñecidas as prazas renovadas, publicarase a lista de prazas vacantes o 29 de abril.

No caso de novos alumnos, abrirase un período de preinscrición do 2 ao 16 de maio. Coñecidas as listas provisionais de admitidos o 24 de maio e tras un período de reclamacións de 10 días, exporanse as listas definitivas o 4 de xuño. A matrícula para os admitidos realizarase do 5 ao 17 de xuño. Abrirase outro período de matrícula para as vacantes da primeira convocatoria do 18 ao 28 de xullo.

Tamén en materia de Educación, aprobouse a composición do xurado do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Estará presidido polo alcalde e integrado como vogais polo ilustrador Emilio Urberuaga, a escritora María José Ferrada, a profesora Juana Vázquez, Manuela Rodríguez (en representación de Kalandraka Editora) e Xosé Manuel Rodríguez-Abella (en representación da Concellería de Educación). Actuará como secretaria a técnica de Educación Beatriz Varela.

Mercados
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a revisión das tarifas do Mercado Nacional de Gando. A partir da petición da empresa concesionaria do Recinto Feiral de Amio e, polo tanto, xestora do Mercado Nacional de Gando de Santiago de Compostela, na que solicita a actualización das tarifas do servizo, aprobouse a actualización destes prezos nun 9,20%, que comprende o período de decembro de 2008 a novembro de 2012. Este porcentaxe axústase ao subscrito na concesión.

Urbanismo
En Urbanismo, deuse o visto bo ao traslado dun hórreo procedente do polígono da AE-2 de Vieiro (Fontiñas) ao ámbito do parque público de Belvís. Esta actuación faise unha vez completada a documentación pertinente: memoria asinada polos arquitectos do Consorcio, proposta de novo emprazamento da arquitecta do Consorcio, autorización do director xeral do Patrimonio Cultural e o informe do arquitecto municipal para as condicións de execución.

Documentos relacionados



Compartir: