URBANISMO

As obras de recuperación da finca do Espiño como parque executaranse neste exercicio

14/03/2013 As obras do parque público da finca do Espiño executaranse este ano, polo que tras moitos anos se recuperará para o uso público esta superficie verde. Así o anunciou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, quen recordou que o aval presentado pola empresa Layetana polas obras de recuperación do parque e de rehabilitación do palacete existente se executou o pasado 20 de setembro de 2012.

Esta obra permitirá recuperar para todos os cidadáns unha superficie duns 18.000 metros cadrados de parque público e arranxar un palacete que nestes intres presenta un importante deterioro. O procedemento para a adxudicación das obras iniciarase unha vez se aproben os orzamentos municipais para 2013.

Respecto da execución do aval, a edil lembrou que ascendía a 2.286.530 euros, correspondentes ás cantidades comprometidas no seu día en convenio pola empresa Layetana para a rehabilitación do palacete e a recuperación do parque público e que, en virtude de sentenza xudicial, a firma debía ingresar ao Concello. Indicou que o procedemento de cobro se iniciara o 28 de xullo de 2011. Esgotado o período de pago voluntario e tamén o de apremio, finalmente executouse o aval o 20 de setembro de 2012.

Compartir: