CULTURA

Sr. Chinarro volve a Compostela tres anos despois dentro do ciclo Íntimo & Acústico

13/03/2013 Despois de tres anos, volve a Compostela Sr. Chinarro, desta vez da man do ciclo Íntimo & Acústico. O concerto será o xoves 14 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. O prezo das entradas é de 12 € anticipada e 15 € na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas.

Sr. Chinarro é un grupo de música formado en Sevilla ao redor de 1990. O seu estilo, que comezou como unha réplica de calidade a grupos ingleses como The Cure, Echo and the Bunnymen ou New Order e americanos como Galaxie 500 ou Slint, foi mutando até converterse en algo perfectamente recoñecible e irremplazable.

A pesar de considerarse como un grupo, o peso de Sr. Chinarro recae enteiramente sobre Antonio Luque. Ao redor del gravitaron as múltiples reencarnacións deste proxecto, que ben podería considerarse persoal. De feito, é o único membro do grupo que permaneceu nel durante a totalidade dos máis de quince anos de existencia.

O maior atractivo de Sr. Chinarro son sen dúbida as letras das cancións, compostas case na súa totalidade por Antonio Luque e en español, fóra dalgunhas nos primeiros discos. Nelas combínase o surrealismo e o costumismo. Metáforas absurdas, dobres sentidos, xogos de palabras e imaxes costumistas atópanse sen cesar en toda a produción lírica de Antonio Luque. Nas súas últimas producións, a calidade poética chegou ao seu mellor nivel, e mesmo prepárase a súa primeira incursión no mundo editorial.

O seu último disco publicado, Menos samba, seguro que será parte do clásico repertorio que nos ofreza en Santiago e que acompaña a este artista polos escenarios de toda España dende hai xa máis de 20 anos. Un repertorio do que non podemos gozar na capital de Galicia dende hai máis de tres anos.

Compartir: