MEDIO AMBIENTE

Conciencia cívica fronte ao botellón

01/06/2006 Fomentar a conciencia cívica dos máis novos nas noites de botellón é o obxectivo da campaña que, dende o venres 2 de xuño, poñen en marcha a Concellaría de Medio Ambiente e Urbaser, a empresa concesionaria da recollida do lixo. Máis alá das medidas sancionadoras, esta iniciativa aposta pola educación, coa fin de incitar aos mozos e mozas a que usen os colectores para depositar os restos do botellón.

A campaña desenvolverase as noites dos xoves e dos venres do mes de xuño na zona da Alameda, o lugar onde é máis habitual que os mozos realicen o botellón nas noites compostelás. Ó longo do paseo divisarase unha serie de bandeirolas, colocadas nos farois á man dereita, que identificarán claramente esta iniciativa. O labor de difusión complétase co reparto de separadores de libros e dunhas tarxetas onde se ve unha foto do estado dunha parte da Alameda tras unha noite de botellón.

Oito rapaces situaranse no miradoiro que dá ao campus sur xunto a oito colectores, nos que se pretende que os mozos e mozas depositen as latas, botellas, vasos, briks, papeis e cigarros. Para iso, distribuiranse bolsas co lema da campaña: "Sabes canto lixo recollemos cada día de botellón?: 1.000 quilos". Esa é a cantidade que despois de cada xoves ou sábado se recolle en Santiago, unha cifra que se desborda en ocasións especiais, como festas ou concertos. De feito, o día da Ascensión recolléronse máis de 7.000 quilos de lixo.

O fenómeno do botellón ten para Santiago de Compostela unha importante repercusión económica, tanto polo que supón de recollida extra de lixo, como polos destrozos que cada noite hai no mobiliario urbano e nos xardíns. O Concello prepara normas neste campo, pero a primeira medida tomouse no eido educativo. Segundo sinalou a concelleira delegada de Medio Ambiente e Limpeza, Marta Álvarez-Santullano, na presentación desta campaña, "estamos en proceso de modificación da ordenanza de medio ambiente para o medio urbano, pero á marxe das medidas sancionadoras, quixemos apostar primeiro por unha política educativa e intentar así que os mozos recollan por si mesmos o que deixan nos parques e xardíns da cidade".

A concelleira recoñece que, tralas noites de movida, o aspecto que presenta a parte afectada da Alameda é "desolador". Preténdese que os máis novos tamén o vexan así e comprendan que "ao día seguinte hai outra xente que ten o mesmo dereito a utilizar ese espazo e nas mesmas condicións".

Marta Álvarez confía no éxito da iniciativa: "Agardamos a resposta, pero somos optimistas e esperamos que esta campaña sexa o punto de partida para facela de forma continuada". A intención do Concello é realizar algunha iniciativa deste tipo dende o comezo do vindeiro curso escolar.

Compartir: