ALCALDÍA

Unha emenda aos orzamentos do Estado desbloquea a obra do túnel de Conxo

13/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou a introdución dunha emenda aos orzamentos do Estado, que permitirá cambiar as partidas económicas previstas para 2013 e 2014 e desbloquear así a obra do túnel de Conxo. As cantidades inicialmente previstas, 100.000 euros para 2013 e 350.000 euros para 2014 pasan agora a 2 e 5 millóns de euros, respectivamente.

Esta variación das cantidades previstas para o proxecto do túnel de Conxo responde á petición do alcalde á ministra de Fomento, Ana Pastor, e permitirá axilizar esta infraestrutura, moi necesaria para a axilización do tráfico na entrada á cidade por Conxo. "Agora hai que urxir a Fomento para que redacte o proxecto", indicou o alcalde, coa confianza de que, unha vez que hai dispoñibilidade orzamentaria, a obra poida comezarse neste mesmo ano 2013. Para 2015 quedará unha partida de 200.000 euros, polo que o custe total da intervención alcanzará os 7,2 millóns de euros.

Ángel Currás reiterou a necesidade deste túnel para aliviar a conxestión de tráfico nesta zona da cidade, pola que cada día pasan uns 70.000 vehículos. Lembrou que na actualidade persiste a solución temporal da prohibición do xiro na glorieta á esquerda para os vehículos procedentes de Conxo e do Hospital Provincial, que está dando "unha fluidez importante". Neste sentido, descartou a apertura deste xiro, xa que "provocaría importantes retencións sobre todo nas horas punta".

Compartir: