DEPORTES

Preto de 300 escolares de Santiago formaron unha gran melé de rugby no Obradoiro

13/03/2013 A praza do Obradoiro acolleu unha gran melé de rugby, no que foi o primeiro dos actos previstos para esta semana de festa do rugby galego, que culminará o sábado 16 co partido oficial do Seis Nacións B entre España e Portugal. Preto de 300 nenos e nenas dos colexios de Santiago participaron nesta actividade promocional do partido. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, así como xogadores da selección española e técnicos e federativos sumáronse a esta gran melé.

Esta gran melé quería promocionar o partido internacional que acollerá o Estadio Multiusos de San Lázaro o sábado 16 de marzo, ás 18:00 horas, entre España e Portugal, correspondente ao Campionato de Europa. Torneo Seis Nacións B. Este enfrontamento é clave para as aspiracións de España de disputar o Mundial de 2015. Con este partido culminará unha semana de festa coa que se celebrarán os 30 anos da Federación Galega de Rugby.

Os actos de celebración dos 30 años do rugby galego non se limitan exclusivamente a este partido senón que, ao longo de toda a semana preparáronse diversas actividades. Logo desta gran melé no Obradoiro, para o xoves 14 fixáronse charlas en centros educativos e un encontro do seleccionador nacional con adestradores Galegos. O venres 15, xogadores, adestradores e directivos de España e Portugal serán recibidos en Raxoi.

Xa na xornada do partido, o sábado 16, os campos de atletismo e hóckey da USC acollerán un torneo de veteranos. 250 participantes, integrados en 12 equipos, competirán dende as 10:00 ás 14:30 horas. Ao mesmo tempo, en San Lázaro II, 300 nenos españois e portugueses, de 4 a 14 anos, disputarán un torneo infantil.

Dende as 12:00 ás 23:00 horas estarán instaladas varias carpas na explanada da grada de preferencia de San Lázaro. Alí haberá merchandising, restauración e mesmo música a cargo da Orquestra Escaparate e de varios Dj’s.

As entradas terán un custo de 10 euros en tribuna, 9 en preferencia e 7 nos fondos. Os menores de 14 anos poderán entrar de balde nos fondos. O partido poderá verse en directo a través de Canal + HD Deportes 2 e Sportmanía, e na web da Federación Española de Rugby.

Compartir: