PATRIMONIO

O barrio de Casas Novas recupera o seu cruceiro dez anos despois

12/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou o barrio de Casas Novas con motivo das obras de reparación do cruceiro. Investíronse uns 24.000 euros na recuperación deste monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Situado na pista de acceso á Granxa do Xesto, o cruceiro perdera en 2003 a súa cruz polo impacto dun camión. Ademais, a base fora desprazada, constituíndo mesmo un problema de seguridade para os veciños do barrio.

"Dez anos despois de que este cruceiro fora tirado por un camión, por fin recupera a súa integridade", apuntou o alcalde, tras lembrar os requirimentos realizados pola Dirección Xeral de Patrimonio, por ser este un cruceiro cualificado como BIC e integrado "na rede de cruceiros que vai dende Santa Isabel ata o cumio do Monte Pedroso". Ademais da obra de restauración, protexeuse o monumento cun xardín e un valado de madeira.

En breve tamén se completará a reparación do cruceiro de Pardaces de Arriba, na Peregrina e o traslado á súa ubicación orixinal. Este cruceiro fora cambiado irregularmente de lugar, destruíndo igualmente a rocha viva sobre a que se sostiña.

Compartir: