ALCALDÍA

Os alcaldes das Cidades Patrimonio de España celebran a súa asemblea en Santiago

11/03/2013 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), integrado polas trece cidades españolas recoñecidas pola Unesco, celebrará en Santiago de Compostela a súa Comisión Executiva e a Asemblea de Alcaldes do 15 ao 16 de marzo. Paralelamente terán lugar as xornadas Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación, organizadas polo GCPHE, cun día de sesión técnica aberta para o público.

A Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reunirá entre o 15 e o 16 de marzo na capital galega aos alcaldes de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

A reunión forma parte do calendario de accións aprobado o ano pasado en Segovia e que contempla encontros en Santiago de Compostela (15-16 marzo), Córdoba (xuño do 2013) e Salamanca (novembro do 2013).

Os doce alcaldes invitados – Pedro Arahuetes García, de Segovia, presidente do GCPHE; Pedro Acedo Penco, de Mérida; Juan Manuel Ávila Francés, de Cuenca; José Félix Ballesteros Casanova, de Tarragona; Francisco Javier Bello Nieto, de Alcalá de Henares; Fernando Clavijo Batllé, de San Cristóbal de la Laguna; Alfonso Fernández Mañueco, de Salamanca; Emiliano García-Page, de Toledo; Miguel García Nieto, de Ávila; Elena Nevado del Campo, de Cáceres; José Antonio Nieto Ballesteros, de Córdoba, e Mariemma Sánchez-Jáuregui, de Ibiza- chegarán á cidade o venres 15 para celebrar ás 18:00 horas, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, a Comisión Executiva, seguida pola cea ofrecida polo seu anfitrión, o rexedor compostelán, Ángel Currás Fernández.

O sábado 16 terá lugar a Asemblea de Alcaldes (10:00 horas), ademais do encontro coa prensa no Salón Vermello (12:30 horas) e a foto de familia na praza do Obradoiro.

Xornadas sobre os novos retos da divulgación arqueolóxica
Paralelamente, Santiago acollerá os días 13, 14 e 15 de marzo as xornadas Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación, que se desenvolverán na sede do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Hospital de San Roque.

Estas xornadas técnicas, organizadas no pola Comisión de Arqueoloxía do Grupo Cidades de Patrimonio da Humanidade de España, reunirá en en Santiago a expertos da Fundación Barcelona Media, a Sociedade Española de Arqueoloxía Virtual, a Universidade de Barcelona e o Museo Arqueolóxico de Alacante.

O programa contempla unha xornada técnica aberta o xoves 14 de marzo con entrada gratuíta, previa inscrición, ata esgotar o aforo do recinto.

Compartir: